A historia esquecida do Castelo de Soutomaior, protagonista dunhas xornadas en maio
Por Redacción
As XX Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia celebraranse este mes de maio no Castelo de Soutomaior e este ano a Deputación de Pontevedra vainas aproveitar para rescatar a historia esquecida deste castelo de titularidade provincial.
As xornadas terán lugar os días 21, 22 e 23 de maio na Sala do Tapiz do Castelo de Soutomaior e as persoas interesadas en asistir poderán inscribirse, de xeito libre e gratuíto, a través do correo electrónico galiciagen@gmail.com.
Organizadas polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, darán cita aos máis prestixiosos tratadistas e estudosos da liñaxe Sotomayor.
Segundo a información adiantada pola Deputación, os especialistas desvelarán os detalles dos personaxes desta estirpe, que supuxo unha revolución histórica, desde os puntos de vista documental, heráldico, xenealóxico e nobiliario.
A xornada comezará o martes 21 pola tarde, coa profesora Argentina Otero Santiago que pronunciará a conferencia 'O Castelo de Soutomaior, recurso turístico no conxunto monumental de Galicia'.
A continuación, o doutor Suso Vila, autor do libro A Casa de Soutomaior, detallará a historia da 'Casa de Soutomaior nos documentos da Idade Media en Galicia'.
Nesta mesma xornada tamén se presentarán os traballos de investigación máis actuais, recentemente publicados no Boletín Nº 20 de Estudios de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia.
O mércores 22 comezará cunha visita guiada polas dependencias do castelo, a partir das 17:00 horas. Despois, o xornalista Alfonso Fernández, investigador da historia de liñaxes próximos aos Sotomayor, impartirá a conferencia 'Pegada Heráldica e Xenealóxica dos Soutomaior en espazos monumentais da provincia de Pontevedra'.
A continuación, o doutor medievalista do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, afondará na 'Pegada cabaleiresca na heráldica medieval galega. O caso Soutomaior'.
A última xornada, o xoves 23, comezará ás 12:00 horas na Praza do Teucro de Pontevedra, cunha visita guiada a cargo do presidente da Asociación Academia de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, Carlos Acuña Rubio.
Pola tarde, a partir das 17:00 horas no castelo de Soutomaior, Luis Valero ofrecerá a conferencia 'Irrupción e influenza da heráldica no desenvolvemento de grandes liñaxes como os Soutomaior' e pechará as xornadas Carlos Acuña con 'Casa e Sangue Soutomaior, dimensión e poder nos reinos de España e Portugal'.