A Senda das Mámoas do Lago de Castiñeiras estará a punto para o 2 de xuño
Por Oskar Viéitez
O 2 de xuño terá lugar a inauguración da Senda das Mámoas do Lago de Castiñeiras cunha andaina que será aberta a toda a cidadanía que se preste a facer este roteiro, partindo dende un punto de encontro do que se dará conta nas próximas semanas.
Trátase dun itinerario lineal, un percorrido que sumará 7,5 quilómetros entre a ida e a volta, que arranca desde Santomé de Piñeiro, e que atravesa once mámoas e nas que se está actuando para mellorar a súa protección e estado de conservación: Chan de Castiñeiras 2, Outeiro de Ombra, Chan de Armada, Chan de Fonteseca e Laghocheiras, no entorno do lago, e un tramo extra para chegar a Chan de Xaxán.
A concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, visitou xunto con Juan Castro, da empresa Anta de Moura, a nova Senda das Mámoas, un proxecto de recuperación paisaxístixa e patrimonial que se suma aos atractivos do Lago Castiñeiras como destino turístico, de natureza e arqueolóxico onde os visitantes poderán coñecer as mámoas, uns túmulos funerarios que se utilizaban no Neolítico como tumbas e lugar onde facer rituais.
Todas elas estaban orientadas ao este por onde sae o sol, como metáfora de "volver a nacer noutra vida".
Nelas, tal e como explicou Castro e como xa é evidente á vista, estase a actuar na roza e sinalización das mesmas.
A de Chan de Xaxán é a máis grande de todas elas, contando con 30 metros de diámetro. Ademais da retirada da capa máis grosa de vexetación que se sedimenta sobre a superficie da mámoa, estase a desbrozar a man a zona máis delicada da cavidade funeraria. Outra das mámoas que se poderán atopar ao longo do sendeiro conta con grabados do neolítico.
Ao longo do percorrido, iranse atopando puntos informativos con debuxos e infografías nas que entender como se construían estas mámoas, como era a vida das sociedades primitivas, os seus ritos e costumes ou o por que das localizacións destes restos arqueolóxicos.