O Mapa de Emprendemento da Xunta ten parada en Poio
Por Redacción
O Concello de Poio acaba de incorporarse ao Mapa de Emprendemento da Xunta de Galicia, que reúne a entidades, axentes, redes e recursos de emprendemento existentes en Galicia.
Este Mapa ofrece apoio na xeración de emprego de calidade, fomentando o emprendemento a través de iniciativas innovadoras e atractivas que impulsen a creación de novas empresas no territorio.
No caso de Poio, forma parte do Mapa como punto de referencia e de asesoramento para as persoas que queren poñer en marcha o seu negocio.
Os usuarios poden atopar formación, titorización personalizada, asesoramento na creación de empresas, con modelos de negocio, plan de empresa... así como apoio na xestión dos trámites para a posta en marcha do proxecto. Ademais, tamén se organizan ao longo do ano eventos, xornadas e outras actividades de sensibilización e motivación.
A concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, indica que o obxectivo é apoiar e xestionar proxectos capaces de revitalizar a economía local, impulsar a cultura emprendedora e contribuír á creación de emprego no municipio.