25 persoas en paro serán contratadas durante sete meses polo Concello de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, e persoal técnico da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Cerdedo-Cotobade mantiñan nas últimas horas un encontro informativo con ao redor de cen residentes no municipio que se atopan en situación de desemprego e que foron incluídos polo Servizo Galego de Colocación como posibles beneficiarios do plan municipal de empregabilidade.
Este plan forma parte do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra e supoñerá un investimento de 300.000 euros dos que o Concello achegará ao redor de 130.000 euros de fondos propios.
A intención do goberno local é contratar a persoas desempregadas para destinalas á realización de labores de mantemento da rede viaria, limpeza e roza de espazos públicos. Tamén será seleccionado persoal para prevención de incendios nos núcleos de poboación.
A liña 3 do Plan +Provincia ofrecerá tamén a primeira oportunidade para persoas en risco de exclusión social de contar cunha das 25 prazas que serán contratadas por sete meses.
Estas persoas serán remitidas pola oficina de emprego e terán que someterse ás probas prácticas, baremación de méritos e criterios sociais atendendo ás bases da convocatoria, segundo indica o Concello.
O alcalde Jorge Cubela considera que é moi importante este reforzo de persoal durante os meses de verán para realizar labores de limpeza de pistas e espazos públicos.