Detido un menor polo roubo dunha gaita
Por Redacción
Un mozo menor de idade, veciño de Pontevedra, foi detido por axentes da Policía Nacional como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior dun rocho.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial, os feitos remóntanse ao pasado día 28 de xaneiro. Na denuncia daba conta da subtracción nun rocho dalgúns efectos, entre eles: tres cadros, obxectos de praia, efectos de cámping, figuras, xogos e unha gaita galega de madeira de buxo, dun coñecido artesán co seu correspondente maletín.
O denunciante manifestaba que o autor tería accedido ao rocho tras fracturar o marco e o fecho da porta de acceso.
Tras iniciar as investigacións os axentes puideron comprobar que o detido, en compañía doutros, algún deles tamén menor, intentara vender a gaita en diferentes establecementos de compravenda da cidade, sen logralo.
O día 18 de febreiro ás 10.30 da mañá, os axentes procederon á detención do presunto autor do roubo con forza no rocho.