Dispoñibles oito postos nas prazas de abastos de Marín e Seixo
Por Redacción
O Concello de Marín pon a disposición dos interesados oito postos de venda nas praza de abastos de Marín e Seixo. Son catro postos en cada un dos dous mercados, destinados a carnicería e alimentación, peixe fresco e actividades comerciais.
O prazo para presentar ofertas comezará cando se publiquen os pregos no Boletín Oficial da Provincia, momento desde o que haberá trinta días hábiles para solicitar un dos postos.
A edil responsable da área de comercio, Cristina Acuña, explicou que especialmente no caso de Seixo, "estamos desexosos de seguir adiante, xa que neste caso notamos unha maior complicación á hora de que estes negocios estean activos".
Os postos libres en Marín oscilan entre os 3 e os 22,50 metros cadrados e o canon que deberán pagar os interesados vai de 99,25 euros a 744,37 euros anuais.
No caso de Seixo, os postos teñen entre 3,12 e 17,50 metros cadrados e o pago anual sitúase entre os 77,41 euros e os 434,21 euros.
O equipamento dos postos, así como as obras de adecuación interna e o acondicionamiento dos mesmos, serán a cargo de cada titular, que á súa vez deberán contar coa inscrición no epígrafe correspondente no IAE e co curso de manipulador de alimentos.
As concesións outorgaranse por cinco anos sen prórrogas e non poderán acadarse máis de dous postos concesionados no mercado, contando aqueles que se poden ter na actualidade.
Os titulares dos postos, entre outras obrigas terán que pagar todas as taxas, impostos e prezos públicos correspondentes coa súa actividade e exercer ininterrompidamente, durante o horario que se corresponda, a súa actividade.
Ademais, deberán limpar diariamente os seus postos, ter expostos os prezos por unidades ou quilogramos ou asumir os gastos correntes de luz, auga ou teléfono.