O Club PC Salvamento Sanxenxo trasládase a unha nova sede en Portonovo
Por Redacción
Tras máis de vinte anos nun local no porto de Sanxenxo, o Club PC Salvamento Sanxenxo trasladarase a unha nova sede en Portonovo acorde ás actuais necesidades dos seus deportistas.
O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, entregou esta semana as chaves ao presidente, Jesús López Rodríguez. O local, situado en Rúa Espiñeiro, conta cunha superficie de algo máis de 140 metros cadrados dispón de dous vestiarios con dúas duchas, un almacén e unha ampla sala na que o club habilitará un ximnasio.
"É un local que cumpre perfectamente coas nosas necesidades e que nos permitirá realizar un adestramento integral de forma máis cómoda", explica Jesús López.
As instalacións municipais foron utilizadas polo Club de Piragüismo de Portonovo ata o seu traslado á praia de Baltar. O Concello cede o espazo agora ao Club PC Sanxenxo tras realizar varias tarefas de mantemento no interior tanto de saneamento como de pintura.
O Club PC Sanxenxo conta, na actualidade, con 67 deportistas rexistrados dos 8 ata os 52 anos. É todo un referente en salvamento deportivo de Galicia tras participar en competicións mundiais e europeas. “A nosa filosofía é ensinar unha modalidade deportiva, pero cunha vertente utilitaria na que se poida aprender primeiros auxilios e que é o salvamento”, explica Jesús López.
Para o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, é “unha sorte contar con esta disciplina deportiva no municipio que practican xa 35 nenos e coa que se está creando unha cultura de salvamento”. A finais do mes de maio, Sanxenxo acollerá por segundo ano consecutivo e por terceira vez na súa historia o Campionato de España Máster na praia de Silgar. “Unha boa ocasión para que os nosos deportistas mídanse cos mellores da súa categoría a nivel nacional”, apunta Guisasola.