O Concello de Caldas pide "sensatez" aos feirantes e que acaten a normativa para poder instalar os seus postos na Festa da Primavera
Por Redacción
O cumprimento das normas e o Plan de Autoprotección por parte dos e das feirantes propietarios de barracas é "básico e innegociable", asegura o Concello de Caldas de Reis ante a inmimente Festa da Primavera.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, pediu "sensatez" aos feirantes para cumprir os protocolos adoptados en materia de seguridade, xa que "só así" se permitirá aos propietarios das barracas proceder á súa montaxe na Tafona.
O responsable de Festas, ante a oposición dalgúns feirantes, defende que por unha cuestión de orde e tranquilidade para todas as persoas asistentes, é imprescindible que as barracas e postos de bebida e comida instálense onde se lles asigna e non en calquera sitio sen control.
Fariña de feito subliña a necesidade de planificar toda a actividade na zona de maneira estrita para evitar incidentes e actuar de maneira eficaz no caso dunha emerxencia, ademais de poder controlar de mellor maneira o botellón que en pasadas edicións xerou moletias aos asistentes á festa.
"Comprendo que haxa veciñanza, sobre todo rapazada, que queira que haxa barracas e postos, mais o goberno local non permitirá a montaxe a calquera prezo: a seguridade vai primeiro", afirmou o edil aclarando que se non se chega a un acordo de última hora a Festa da Primavera aínda que non terá atraccións e postos na zona traseira da Tafona si contará con postos de bebida na zona do campo da festa onde se celebrarán as verbenas.
Manuel Fariña explicou que os feirantes instaláronse nunha postura de forza conxunta para presionar o Concello e tratar de "saírse coa súa" instalando postos en lugares e unhas condicións non aprobadas polo Plan de Autoprotección elaborado este ano por primeira vez.
A Festa da Primavera de Caldas de Reis arrincará este venres 12 de abril ás 19.00 horas co chamado 'Kalidas Primavera Fest', que contará coa participación de DJs como Anthony Godfather, Groove Amigos, Traffic House, Samu Pexe, Mr. J , Zoey Rey e Marcos Gramola. Ademais o sábado a cita será coa orquestra Panorama ás 22.30 horas e a discoteca móbil 'La Gramola'. Por último o domingo 14 a partir das 18.30 horas será a quenda do 'Grupo Alkar' e do DJ Marcos Magán.