Antón Castro, comisario da Illa das Esculturas, no 25 aniversario: "Provócame un sufrimento terrible vela así"
Por Mónica Patxot & María José Pita
En 1999 Pontevedra convertíase no epicentro da arte contemporánea coa inauguración dun museo ao aire libre que reunía obras dos artistas máis relevantes da segunda metade do século XX. "Os artistas que están aquí son os que fixeron a historia da escultura nos últimos 50, 60 ou 70 anos".
Quen fala é Antón Castro, o comisario que impulsou a Illa das Esculturas, nome que se popularizou para designar este illote de 70.000 metros cadrados no río Lérez, denominado na toponimia oficial como Illa do Covo. Este mes de xullo faranse 25 anos da súa inauguración.
"Provócame un sufrimento terrible vela así, porque é un proxecto meu de moitos anos", declara Castro ao empezar a conversa con PontevedraViva. Refírese o comisario e crítico de arte ao estado no que se atopa este espazo expositivo, con obras vandalizadas e unha falla de conservación da contorna.
"Hoxe a escultura non é unha estrutura monumental, é un lugar para vivir, para existir. Tras as miñas residencias en Alemaña, Francia e outros países, o que pretendiamos era recuperar o río para a cidade, o que se chama en Urbanismo 'recuperar un espazo de borde', e socializar este espazo utilizando como pretexto as esculturas, neste caso de artistas de primeira orde internacional", engade.
Inaugurada no contexto do Xacobeo 99, supuxo a instalación permanente da obra de doce escultores de proxección internacional: Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne & Patrick Poirier, Ulrich Rükriem e Enrique Velasco.
Dende entón, a súa consideración como unha das referencias mundiais de integración da arte na natureza non fixo máis que crecer. "Non o digo eu, dio a gran experta mundial Colette Garraud", quen no seu libro L'artiste contemporain et la nature: Parcs et paysages européens adica varias páxinas a destacar este espazo.
"Realmente trouxemos aos artistas máis importantes do circuíto mundial da arte, polo menos nove deles, que están nos grandes museos de todo o mundo, xa sexa o Pompidou, Guggenheim ou Museo de Arte Moderno de Nova York. Pretendíase que fora un espazo social, onde a xente fora a pasear ou facer deporte, iso logrouse. O que fixo a intervención dos escultores é socializar un lugar onde non ía ninguén, era un lugar aillado por un montículo, que a Comunidade de Montes de Lérez transferiu para a súa xestión ao Concello", matiza.
Neste sentido, Antón Castro tende a man ao Concello de Pontevedra "para que sexa cómplice con isto e colabore con nós na renovación do que é a Illa das Esculturas". Está disposto a reunirse cos concelleiros implicados para explicarlles o plan de mantemento que redactou seguindo as indicacións dos autores, co obxectivo de que se poida recuperar toda a contorna. "Estou seguro de que se van a sentir identificados coa Illa, que é un espazo social de todos os pontevedreses".
Malia que non discute a boa intención do plan presentado en 2022 polo que fora concelleiro de Patrimonio Histórico Xaquín Moreda, non entende que non lle consultasen esta operación. Ofrécese a coordinar de xeito totalmente desinteresado estes traballos. "Sería coller a dúas ou tres persoas da Escola de Canteiros para que revertan a Illa á súa situación primixenia, é dicir, recuperando todas as obras agredidas, que hai varias. Eu encargaríame de coordinalos gratuitamente, e eles cobrarían polo seu traballo, loxicamente", expón.
Especialmente notorios son os grafitis cos que se vandalizou o Labirinto de Pontevedra de Robert Morris, inspirado nos petroglifos de Mogor, ou a pavimentación do solo onde se asenta a obra Ceo acortado de Giovanni Anselmo, artista que "morreu hai tres meses e agora está tendo unha exposición no Guggenheim Bilbao. Foi unha agresión cementar algo que tiña que ser natural, por non consultar, é terrible. No momento en que actúan desta maneira é como se estivesen repintando o Guernica de Picasso ou reescribindo Cien años de soledad", laméntase o comisario.
Neste 25 aniversario, Antón Castro cre que "evidentemente, deberíase facer algo". Propón que, xa que "eu teño todo o material dos escultores, menos mal que o gardei, gustaríame facer unha gran exposición no Pazo da Cultura". E recalca que tamén isto o faría de xeito desinteresado. "Agora mesmo estou facendo unha exposición de Picasso en China, e eu cobro por isto, pero a Pontevedra non lle cobraría absolutamente nada polo comisariado da exposición".
Para esta mostra, achegaría planos, debuxos e fotografías que habería que ampliar "en modelo plotter enmarcadas". Poderíase complementar con actividades e visitas didácticas, como as que habitualmente realiza o comisario para centros escolares, tamén sen percibir ningunha remuneración.
A implicación de Antón Castro é total e deixa as portas abertas a calquera posibilidade, "porque é un dos proxectos máis importantes a nivel mundial dentro do que é a integración de arte e natureza, do que estou seguro de que todos os pontevedreses se senten orgullosos".
Relacionadas:
-
A Illa das Esculturas estrea nova sinalización para facilitar información sobre as 12 pezas escultóricas
Por Redacción |
-
Os vándalos cébanse co 'labirinto' da Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño & Diana Eiras |
-
A limpeza dos graffitis, primeira acción do 'plan de choque' para a Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |
-
Unha 'segunda vida' para a Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |
-
Encargan un plan para o acondicionamento integral da Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |