A reciclaxe de papel e cartón bate récord en Pontevedra e os orgánicos xa superan o vidro
Por Alejandro Espiño
A conciencia ambiental dos pontevedreses continúa en aumento. Nunca antes reciclaramos tantos residuos como en 2023. Das 32,7 toneladas de lixo que refugamos no municipio, foron aos contedores selectivos ata 5,27 toneladas, un 16,11% do total.
O informe elaborado polo servizo municipal de xestión de residuos e limpeza viaria, que dirixe a compañía PreZero, desvela que a maior parte do lixo que se xera en Pontevedra acaba no contedor verde, na denominada fracción resto.
Alí acabaron en 2023 un total de 27.457 toneladas, trescentas menos que o ano anterior. É a cifra máis baixa desde que hai rexistros, algo que o goberno municipal relaciona directamente co aumento exponencial que está experimentado o sistema de compostaxe.
E é que os pontevedreses cada vez separan máis os residuos orgánicos e deposítanos ou ben nos contedores marróns ou ben nos centros comunitarios da compostaxe, o que se traduciu o ano pasado en 1.154.630 quilos de refugallos, 34.000 máis que en 2023.
A reciclaxe de cartón e papel tamén bateu o récord establecido no ano da pandemia. Os recipientes azuis enchéronse en 2023 con 1.870.630 quilos de residuos. Son 307.000 máis que o exercicio anterior e supera tamén os 1.818.230 quilos de 2020.
Moito máis moderado foi o incremento na reutilización dos envases e os plásticos, correspondentes ao contedor amarelo. Durante o ano pasado depositáronse neles 1.167.600 quilos destes materiais, apenas dez mil máis que en 2022.
A única fracción que experimenta un descenso é a reciclaxe do vidro, que volve a datos similares aos de 2019. Neste caso, os iglús repartidos por todo o municipio reuniron 1.071.830 quilos de residuos, case un 1% menos, fronte aos 1.113.510 do ano anterior.
O concelleiro responsable da xestión de residuos, Xaquín Moreda, valorou positivamente os datos da recollida das distintas fraccións de residuos.
Destacou que se rexistra un "incremento continuo en case todas" e consolidan a compostaxe e a recollida selectiva da fracción orgánica "como o sistema do futuro".
A este respecto, Moreda sostén que a cidadanía de Pontevedra é a "principal protagonista" destes bos rexistros e celebra que acollesen "gratamente" a aposta municipal pola compostaxe e a xestión da fracción orgánica.
Ademais, anunciou que o Concello "non deixará de traballar" por seguir mellorando todos os datos de reciclaxe e de compostaxe na cidade, para que o municipio de Pontevedra siga sendo un referente sostible na xestión dos seus residuos.
Relacionadas:
-
Instalarán en Pontevedra dez novos centros de compostaxe comunitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Sogama perfílase como primeira opción para tratar os residuos orgánicos da provincia
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez & Redacción |
-
O próximo recibo do lixo será 6 euros máis barato polo aumento da compostaxe e o colector marrón
Por Natalia Puga | Creada e actualizada