Montecelo incorpora un equipo de resonancia magnética que reporta máis precisión e comodidade para os pacientes
Por Redacción
Os profesionais de Radiodiagnóstico do hospital Montecelo comezaron estes días a familiarizarse cun novo equipo de resonancia magnética de última xeración, de forma que se espera que en breve esta dotación poida estar operativa para a poboación da área sanitaria de Pontevedra e Salnés.
A incorporación deste equipo permitirá reducir a duración das resonancias magnéticas xa que mellora os tempos de preparación e colocación do paciente no tubo a través dun sistema de posición guiada sen contacto.
De igual forma esta proba será máis cómoda para os usuarios xa que dispón dunha "experiencia audiovisual envolvente" para tranquilizalos e guialos durante este exame clínico; dispón de maior diámetro no espazo circular no que se lles introduce, reduce o tempo das apneas e é menos sensible ao movemento do paciente.
Tecnoloxicamente ademais transmite por fibra óptica toda a información ao computador principal e inclúe ferramentas de intelixencia artificial que axudan na planificación, preparación, realización e redución de tempos, sendo máis preciso no diagnóstico. Inclúe tamén ferramentas de postprocesado para facilitar o traballo de información dos estudos radiolóxicos.
O investimento realizado polo Servizo Galego de Saúde supera o 1.100.000 euros e contou con financiamento do Plan Inveat (Plan de Investimento en Equipos de Alta Tecnoloxía) do Sistema Nacional de Saúde.
Relacionadas:
-
Unha delegación do Hospital Clínic de Barcelona visita as obras do Novo Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
A finais de ano concluirá a obra do Gran Montecelo, que estará operativo no verán de 2025
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A incorporación de doce ecógrafos portátiles para Atención Primaria mellorará a lista de agarda
Por Redacción |
-
Un problema de subministracións provoca a cancelación de citas a pacientes oncolóxicos
Por Oskar Viéitez |
-
Anuncian a cobertura de nove prazas de médicos de urxencias hospitalarias en Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |