Concentración con motivo do 20 aniversario do atentado do 11M para rexeitar "calquera tipo de violencia"
Por Anxo Lourido
O 11 de marzo de 2004 falecían 192 persoas como consecuencia dun atentado no que explotaron once bombas en trens na estación de Atocha, na rúa Téllez e nas estacións de El Pozo e Santa Eugenia.
Aquel brutal atentado deixou feridas a 1.800 persoas e provocou un gran impacto social.
Vinte anos máis tarde gárdanse minutos de silencio para lembrar as vítimas. En Pontevedra, integrantes da corporación municipal e funcionarios do Concello concentrábanse na Praza de España ás 12.00 horas para gardar un minuto de silencio.
Abel Losada, subdelegado do Goberno; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asistían a este acto.
Lores manifestaba o sentir xenérico e explicaba que a concentración mostra o rexeitamento social contra calquera tipo de violencia. Manifestou que "rexeitamos todo tipo de terrorismo, apostamos pola paz e a solidariedade entre os pobos".
O rexedor quixo tamén transmitir aos familiares das persoas que faleceron e aos feridos a solidariedade da corporación municipal.
Tamén apostou porque non se repita un feito destas características. "Hai que loitar pola paz munidal e polo respecto entre os pobos e rexeitar calquera tipo de terrorismo", apuntou Fernández Lores.
Estas concentracións foron convocadas en todo o país pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).