Eliminados tres puntos de vertido de augas residuais en Moraña
Por Redacción
Nos últimos días foron eliminados tres puntos de vertido de augas residuais cara ao dominio público no concello de Moraña.
As achegas irregulares foron detectadas polo persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante as tarefas rutineiras de inspección que se levan a cabo nos distintos termos municipais do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Durante as comprobacións, o persoal inspector localizou distintas deficiencias na infraestrutura municipal de saneamento en varias parroquias.
Esas achegas irregulares producíanse por problemas no funcionamento nunha estación de bombeo de augas residuais instalada no lugar do Covelo e en dúas fosas sépticas nos lugares da Bouza e do Souto.
Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento da entidade local para que levase a cabo as medidas correctoras oportunas.
Nunha nova inspección á zona, os técnicos autonómicos constataron a emenda destes puntos de vertido cara ao dominio público.