Así será o futuro espazo multifuncional para eventos do Pazo de Quintáns
Por Redacción
A segunda fase do proxecto para a recuperación e rehabilitación exterior do Pazo de Quintáns terá como principal actuación a creación dun espazo multifuncional para a celebración de eventos, segundo avanzou o goberno municipal de Sanxenxo.
No seu conxunto, nesta nova fase inclúense seis intervencións. As obras sairán a licitación por 770.000 euros e terán un prazo de execución de doce meses.
Ese espazo multifuncional permitirá albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade dunhas 128 persoas sentadas e 222 de pé.
O seu deseño permitirá ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre.
Ao tratarse dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do pazo, sitúase practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza.
Os materiais empregados e os sistemas construtivos seguirán o mesmo criterio que no pazo, con pedra, madeira e vidro principalmente, dispoñendo a totalidade das fachadas da edificación dun cerramento formado por sillería de granito.
Entre as demais actuacións destaca a creación dun aparcamento para 27 coches na leira oeste anexa, a pavimentación do acceso con lastras, a recuperación do antigo hórreo ou a limpeza e saneamento da totalidade dos muros perimetrais e interiores.
Ademais, se preve adecuar os 'parladoiros' do pazo cunha nova iluminación e habilitaranse itinerarios peonís coa instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area.