Xulgan un alumno de Pontevedra por violar unha compañeira de instituto no paseo dos Gafos
Por Natalia Puga
A Audiencia de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves, 7 de marzo, a un mozo pontevedrés que presuntamente violou a outra moza que era compañeira súa nun instituto da cidade en outubro de 2022.
O mozo sentará no banco dos acusados da sección segunda da Audiencia e a Fiscalía pide que sexa condenado a oito anos de prisión como autor dun delito de agresión sexual na súa modalidade de violación.
O acusado e a súa vítima eran ambos os maiores de idade e coñecéronse en setembro de 2022 cando ambos estudaban no mesmo instituto. Fixéronse amigos e o 10 de outubro dese ano, cando chegou a hora do recreo, sobre as 11.00 horas, el pediulle que o acompañase fose do instituto, ata un supermercado da mesma rúa, para comprar algo para comer.
Foron xuntos e, á saída, o procesado pediulle que desen un paseo. Ela accedeu, baixaron unhas escaleiras de madeira que dan acceso ata o paseo do río dos Gafos, sentaron nun banco e, unha vez alí, tras un intre conversando, el realizoulle tocamentos non consentidos.
Segundo o fiscal, "guiado por un ánimo libidinoso e co afán de atentar contra a libre determinación sexual de quen o acompañaba e sen o seu consentimento", tocoulle as coxas, bicouna polo pescozo e a boca, tocoulle a zona vaxinal por encima da roupa e manoseoulle os peitos.
Durante todo ese tempo, a pesar de que ela lle pedía que parase, que non quería que a tocase, que a incomodaba, el seguiu, ata que ela logrou zafarse e incorporarse do banco e díxolle que quería volver ao instituto. El díxolle que sabía un camiño máis curto para chegar antes, agarrouna da boneca e levouna á zona traseira dunha caseta.
Alí, parouse en seco e violouna. Introduciulle os dedos na vaxina, a pesar da súa oposición e de que tentaba apartalo. Ao cabo de dous minutos, sacou a súa man e regresaron ao instituto.
Durante días seguintes, a moza sufriu ataques de ansiedade, vómitos, crises de pranto e tristeza continuos con importante afectación psicolóxica.
Ademais de oito anos de prisión, a Fiscalía pide que o condenen á prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da súa vítima, o seu domicilio, lugar de estudo ou traballo ou calquera outro no que puidese atoparse, así como de comunicarse directamente con ela durante outros oito anos. Unha vez cumpridas as penas anteriores, pide outros oito anos de liberdade vixiada.
A Fiscalía tamén pide a súa inhabilitación para profesión, oficia ou actividades sexan ou non retribuídos, que conleve un contacto regular e directo con persoas menores durante 15 anos e que indemnice á súa vítima con 5.000 euros.