Presentadas tres reclamacións diferentes polo incendio da nave de Pontesa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A portavoz do goberno municipal do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, informou este xoves do estado dos recursos presentados polo incendio da antiga nave de Pontesa, que arrasou estas instalacións en novembro do ano 2022.
Segundo sinalou, foron presentadas tres reclamacións diferentes polo incendio da nave de Pontesa, "unha do propietario, outra da aseguradora do arrendatario, neste caso, Ceferino Nogueira, e outra directamente de Ceferino Nogueira, en nome da súa empresa (Galigrain)".
"Esas tres reclamacións están enriba da mesa e pódovos asegurar que este Concello fará absolutamente todo o que estea nas súas mans para aclarar ata o último detalle e esixir responsabilidades a quen corresponda", manifestou a tenente de alcalde.
Generali Seguros, aseguradora da compañía Galigrain, a filial do Grupo Nogar que almacenaba o gran que había no interior de Pontesa presentou unha reclamación contra o Concello de Pontevedra pola que esixe unha indemnización de 7 millóns de euros polos danos e prexuízos que, segundo sosteñen, provocou a "neglixente" actuación do servizo municipal de extinción de incendios.
Ese diñeiro foi o que a aseguradora abonou a Galigrain polas perdas que provocou o incendio, especialmente pola "perda total" das máis de 42.000 toneladas de gran para fins alimentarios que a empresa almacenaba no interior da nave calcinada.
No caso doutra reclamación, a que fai a aseguradora de Itaipú a empresa propietaria do recinto, queren que se lle devolvan o diñeiro abonado polo pago das taxas pola extinción do incendio.
Segundo apuntou Eva Vilaverde, "é dicir, os Bombeiros de Pontevedra estiveron 21 días alí traballando, extinguindo un incendio do que o Concello de Pontevedra non é responsable, poñendo en xogo a súa vida, facendo un operativo moi complexo para sacalo adiante e evitar que os perigos fosen maiores e as consecuencias fosen máis graves e, nin tan sequera, consideran oportuno que os Bombeiros de Pontevedra e, por tanto, o Concello de Pontevedra, lle traslade as taxas que lle corresponden, que tiveron que pagar, pero que agora piden a súa devolución".
Eva Vilaverde informou que "neste momento o expediente está todo trasladado á APLU, que é a que ten competencias pola situación da nave: en servidume en dominio público marítimo terrestre".
Deste xeito, o Concello de Pontevedra entregou o expediente á Axencia de protección da Legalidade Urbanística "con todas as incidencias e as consideracións que os técnicos municipais fixeron nos seus informes". "Non sabemos nada máis desde o punto de vista administrativo", engadiu.
Eva Vilaverde detallou que destas tres reclamacións presentadas "están a facerse todos os informes precisos" por parte do Servizo de Patrimonio, o de Disciplina Urbanística e a Asesoría Xurídica e que "levarán a cabo todos os estudos que sexan pertinentes para que quede absolutamente depurada e clara a responsabilidade con respecto do incendio de Pontesa".
ACCIDENTE LABORAL EN LA CROSS
Por outra banda, na comparecencia de prensa falouse do accidente laboral que tivo lugar este mércores no que un operario morreu tras caer desde un tellado no que estaba a realizar traballos de mantemento a unha altura superior a 15 metros.
O accidente laboral produciuse na parroquia de Campañó, no recinto do Grupo Nogar antes coñecido como a fábrica de La Cros.
A portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Eva Vilaverde trasladou "toda a solidariedade e pesar polo falecemento dun traballador nas naves de La Cross á familia, aos achegados, á empresa e aos compañeiros de traballo".
"Desexo que sexa unha desgraciada coincidencia e que non haxa ningún outro tema preocupante que teña que ver coa seguridade e saúde laboral, porque iso si que me parecería grave", engadiu.
En todo caso, sostivo que "queremos que se depuren responsabilidades nun lado e no outro, porque nos dous casos, por desgraza, estamos a falar dun falecido", dixo tamén en relación co incendio de Pontesa no que tamén morreu un traballador do Grupo Nogar.
Relacionadas:
-
A saraiba deixa varias saídas de vía sen feridos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Arranxados 24 quilómetros de pistas nos montes da Lama e Ponte Caldelas para potenciar a defensa contra os lumes
Por Oskar Viéitez |
-
Atropelado un corredor na ponte de Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Falece un operario na Fábrica da Cross ao caer do tellado cando realizaba labores de reparación
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Unha aseguradora reclama ao Concello 7 millóns de euros por "neglixencia" dos bombeiros no incendio de Pontesa
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños da Pontesa xa poden respirar tranquilos despois da retirada total do cereal acumulado na fábrica
Por Oskar Viéitez |