Sesións abertas a escolares "para tentar que a petanca non sexa un xogo de xente maior"
Por Mónica Patxot & María José Pita
Recentemente empezada a segunda fase da liga de petanca de Pontevedra, as doce novas fichaxes de xogadores, ata alcanzar os 192 participantes, confirman á cidade do Lérez e parroquias como un dos epicentros deste deporte.
Con todo, Jose Luis Gallego, presidente da Agrupación de Petanqueiros de Pontevedra, lamenta que nesta zona a idade media dos deportistas se atope por riba dos 50 anos.
Para dar a coñecer a petanca e animar ás novas xeracións a practicar unha disciplina en plena natureza, que serve para confraternizar e onde prima o xogo limpo, a agrupación pontevedresa está a realizar sesións abertas a escolares.
Este mércores 28 tocoulle a quenda ao alumnado de entre 10 e 11 anos do CEIP Froebel e do colexio San José.
No campo situado nos xardíns de Vicenti, entre os dous edificios da Deputación Provincial, José Luis Gallego, do club Amigos de Campolongo, e Eduardo Quintas, de O Miradoiro de Monte Porreiro, ensinaban os escolares todos os segredos da petanca. Deste xeito, descubriron que no propio nome está a clave para lanzar a bóla.
"O que lles dicimos é que petanca vén do francés e significa pés xuntos, por iso cando se tira, hai un aro que ten 50 centímetros de diámetro e os pés non se poden saír dese diámetro, nin adiante nin atrás, teñen que estar aí xuntos", comenta Jose Luis Gallego.
Antes de empezar o xogo, "o que lle estiven ensinando os rapaces é, primeiro, saber onde están a xogar, é dicir, un campo que ten catro metros por quince. Despois, a forma de tirar, que as básicas son tres: a máis baixa, agachando ao nivel do chan, outra un pouquiño máis e outra máis elevada".
Para estes rapaces "a elevada é complicada, porque date conta que cada bóla pesa sobre 700 gramos. E despois, ensinámoslles algo do regulamento, como as distancias ás que deben tirar, onde ten que caer o boliche, que marca practicamente o xogo, e despois a que distancia hai que separarse do campo, de modo que o boliche ten que estar a 50 centímetros de calquera dos sitios", engade Gallego.
Este grupo de petanqueiros quere fomentar este deporte entre as persoas de menos idade, "para tentar que a petanca non sexa, como di moita xente, un xogo de xente maior". Confirman que xa hai unha ducia de escolas que están interesadas. Por iso, a idea é seguir realizando estas clases abertas entre os escolares, tanto de Primaria como posteriormente de institutos.