A rotura dunha tubaxe deixa sen auga a gran parte da cidade
Por Redacción
Unha gran parte da cidade de Pontevedra, especialmente as súas zonas máis céntricas, quedou sen abastecemento de auga este domingo tras producirse unha avaría no sistema.
O problema detectouse sobre as 14:40 horas. Tratouse da rotura dunha canalización de auga á altura do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Operarios da empresa Viaqua, concesionaria do servizo de augas, trasladáronse ao lugar para illar a tubaxe defectuosa e poder restablecer o abastecemento a través doutras canalizacións.
As vivendas máis afectadas foron as situadas nas zonas máis altas da cidade e os pisos que teñen unha maior altura, debido á falta de presión no sistema.
Dúas horas despois e de maneira paulatina, os domicilios que quedaron sen auga comezaron a recibir de novo a subministración de auga, segundo informa o Concello de Pontevedra.
Ademais, a rotura desta tubaxe provocou danos, polo menos, nunha vivenda da Rúa Camiño Vello de Castela, que sufriu inundacións.