Os bólidos tamén sucan o ceo e un fíxoo este pasado domingo en Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz
A Astronomía define 'bólido' como meteoro moi brillante, e sendo un meteoro trátase dun fenómeno luminoso moi brillante.
Desde o departamento de Climatoloxía e Observación de Meteogalicia, Pablo González sinalaba que polas descricións que reportaban quen lles chamou e tamén polas imaxes que captou unha cámara de Meteogalicia na praia de Aguete en Marín corresponderíase "cun bólido, é dicir, algo parecido a unha estrela fugaz pero como ten maiores dimensións tamén ten máis duración", e por tanto é posible velo máis tempo.
Foi visible ás 19.27 horas da tarde de onte domingo 18 e púidose ver non só na provincia de Pontevedra, senón mesmo nas provincias de A Coruña, Ourense, norte de Portugal, Zamora y Extremadura. Quen tivese ocasión de velo nese momento, que saiban que non é un fenómeno frecuente. "En determinadas datas do ano si que ven restos de cometas ou choivas de meteoritos, pero neste caso sería algo máis excepcional", explican desde Meteogalicia.
Para tranquilidade da poboación sinalar que non supoñen risco para ninguén. As imaxes castastróficas sobre a colisión en superficie terrestre destes fenómenos "son lendas negras do futuro" explica Pablo González, engadindo que "non é ningún perigo, entra na atmosfera, quéntase e desaparece desintegrándose".
Desde o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, o seu director Jose Ángel Docobo, explicaba que cando se produce un fenómeno así tratan de recompilar todo o material gráfico posible. Segundo o que observan nas imaxes captadas en Aguete "vese como o ronsel vai desaparecendo, o paso son segundos, tres a sete máximo; e como o ronsel permanece. Tamén se ve como o obxecto vai ao océano, se é que caeu".
Ao non poder localizar meteoritos, isto é, pedras que caesen ao chan "para nós perde interese", non foi así o superbólido que caeu na provincia de Lugo en xaneiro de 2021, do que si se puideron localizar meteoritos. Estes bólidos tamén poden ser audibles polas detonacións que producen, pero neste caso "ninguén nos deu referencias de escoitalo" e que atribúe á altitude.
Testemuñas do avistamento desde a propia cidade de Pontevedra foron Luis e a súa filla Cristina Saiz (fotógrafa de PontevedraViva): "estabamos na casa e o meu pai chamoume para que saíse fora porque estaba a ver no ceo algo raro. Cremos que podería ser unha nube, pero para ser unha nube era rara; así que fun a por a cámara para fotografalo e finalmente resulta que era o ronsel dun bólido", lembra.