Ceden á Escola Naval un guindastre comisado por narcotráfico e supostamente utilizado con narcolanchas en Cambados
Por Natalia Puga
A Escola Naval Militar de Marín poderá utilizar no seu funcionamento habitual un novo camión guindastre. O rechamante é a súa procedencia: foi comisado nunha operación contra o tráfico de droga en Cambados.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Cambados acordou o comiso cautelar deste guindastre e a súa utilización provisional por parte da Escola Naval Militar de Marín.
Este guindastre estaba nunha nave do lugar de Couto de Abaixo, en Castrelo, Cambados, e foi comisada por orde xudicial o pasado mes de novembro. A Garda Civil fíxose cargo dela e agora pasará á Escola Naval.
A xuíza de Cambados explica nun auto que hai indicios de que o vehículo era "un instrumento da actividade ilícita de produción, fabricación e traslado de embarcacións de alta velocidade". Nesa nave fabricábanse e manipulaban narcolanchas e ese guindastre utilizábase para estas actividades.
O dono do guindastre supostamente dirixía esta actividade coas narcolanchas en dúas estancias desta nave de Castrelo, xunto a outros dos investigados na causa xudicial que se segue en Cambados.
A maxistrada indica no auto que o camión guindastre, dadas as súas características e estado de conservación, resulta "idóneo para a prestación dun servizo público no seo dunha institución da administración pública como é a Escola Naval Militar de Marín".
Foi a propia Escola Naval a que cursou a solicitude para a súa utilización provisional ao xulgado.
A Oficina de Recuperación e Xestión de Activos (ORGA), que é a quen corresponde resolver sobre a adxudicación concreta de uso e medidas de conservación deste tipo de bens, xa informou ao xulgado que está conforme coa decisión, que foi adoptada "para garantir a efectividade do comiso dos efectos e vehículos referidos, aprehendidos e postos ao dispor xudicial desde as primeiras dilixencias".