Santiago Abascal elixe Pontevedra para presentar aos candidatos de Vox para o 18F e tira de "carallo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
O líder de Vox, Santiago Abascal, elixiu Pontevedra para presentar aos candidatos da formación nas catro provincias galegas para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro. Fíxoo nun acto no hotel Galicia Palace cargado de anécdotas no que non dubidou en tirar dunha das expresións máis usadas en galego, "carallo".
"Viva Galicia, Viva España e Viva a Liberdade, carallo!", dixo Abascal, que se atopou cun público entregado, pero entre o que non faltaron os detractores. Así, un ex afiliado botoulle en cara que era un "vendido" e rompeu un cartel de Vox.
Ao comezo do acto, un grupo dunhas dez persoas recriminoulle iso mesmo, "vendido", a berros. E foron expulsados do hotel.
Santiago Abascal quixo arroupar con este acto ao candidato á Presidencia da Xunta de Galicia e cabeza de lista de Vox por Pontevedra, Álvaro Díaz-Mella. Tamén contou coa presenza do resto de cabezas de cartel, Manuel Fuentes (A Coruña), Sonia Teijeiro (Lugo) e María Jesús Fernández (Ourense).
O presidente de Vox mostrou o seu malestar polo "insulto" que supón que o líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, pida a Vox que non se presente ás eleccións: "En lugar de estar agradecido porque grazas a Vox conforma gobernos autonómicos, dille a un partido que morra, que desapareza, que non exista", lamentou.
A continuación, preguntouse quen defendería os valores e as ideas que defende Vox se este non estivese: "Se Vox non está quen vai defender ao campo, a gandería, a pesca e a industria das políticas que aplican tanto o PP como PSOE? Se Vox non está, quen vai defender ao máis débil no ventre materno? Se Vox non está, cantas cousas deixarían de oírse nos parlamentos".
Abascal centrou o seu discurso en Feijóo e dixo del que "segue xogando con lume e poñendo en perigo escanos de Vox que se están disputando co BNG".
Álvaro Díaz-Mella, pola súa banda, asegurou que "Vox dará voz a eses miles de galegos desesperanzados" tras anos e anos de goberno do Partido Popular e que non senten representados no Parlamento galego.
"Que non vos enganen coa mentira do voto útil que tanto ecoa estes días", advertiu tras asegurar que "abonda con que nos voten as mesmas persoas que nos votaron o pasado 23 de xullo para que Vox entre no Parlamento galego".
Relacionadas:
-
De camiño cara ao 18F, as eleccións que marcarán o futuro de Galicia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Luis López critica o "lamentable espectáculo" no Concello de Pontevedra polos "egos e os enfrontamentos" de socialistas e nacionalistas
Por Oskar Viéitez |
-
"Van a por nós, dispárannos", advirte Rueda ao PP desde Pontevedra, e chama á mobilización: "non hai nada gañado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Non estamos decidindo se temos un presidente de Pontevedra, estamos decidindo se temos un presidente que traballe por Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Luís Bará, candidato do BNG: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra no ano 99"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |