O orzamento de Sanxenxo crece ata os 45,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O orzamento de Sanxenxo ascende a 45,2 millóns de euros.
A distribución das contas municipais é a seguinte: a Entidade Local leva 30,6 millóns de euros; Terra Sanxenxo 7,7 millóns; Turismo de Sanxenxo 1,8 millóns; Nauta 2,2 millóns e Insula 2,9 millóns de euros.
O orzamento crece en 6,2 millóns de euros (+15%) con respecto a 2023.
As áreas de goberno que máis peso teñen no orzamento son os servizos sociais e a seguridade cidadá. No caso do primeiro hai un incremento que supera os 600.000 euros, un 23% máis, pasando dos 2,6 millóns de euros de 2023 aos 3,2 millóns de euros do novo orzamento, que se envorca especialmente na mellora do servizo de atención no fogar (SAF) aos veciños con algún grao de dependencia.
Outro servizo con gran relevancia orzamentaria é a seguridade cidadá á que o documento destina 3,5 millóns de euros distribuídos entre a Policía Local, o Servizo de Emerxencias e o servizo de salvamento e socorrismo das praias.
No capítulo de investimentos hai que destacar que na súa gran maioría fináncianse nun 80% con recursos doutras administracións: fondos europeos, da Xunta e a Deputación. É o caso do Pazo Emilia Pardo Bazán, a rehabilitación do colexio O Cruceiro, o miradoiro da Pexeira e a súa conexión co campo de San Roque en Portonovo, as actuacións do convenio de Acuaes, as melloras no exterior do Pazo Quintáns e o seu equipamento, a reforma da Telleira e o primeiro tramo da senda do litoral da ría de Arousa entre Meaño e a fábrica Campo.
Outros investimentos de menos contía son a mellora do punto limpo, a pasarela do sendeiro de Bordóns, o sendeiro Major-A Lanzada, o lavadoiro de Fontoira, adquisición de mobiliario para os pavillóns de Baltar e Vilalonga e o vial entre Altamira e Vilalonga entre outras actuacións.
Por último, o orzamento tamén contempla recursos para o pago pola expropiación dos terreos dos Rocafort. O Concello está á espera de coñecer a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre os prazos para abonar a cantidade pendente.