Podoloxía e defensa persoal solidarias contra o pé zambo en Camerún: "Alí non é só unha deformidade física, é unha limitación social"
Por Natalia Puga
A escola de artes marciais Dojo Berserkers e a asociación Equipo Nómada captarán a solidariedade dos veciños e veciñas de Vilagarcía e transformarana en axuda para dez nenos e nenas de Camerún. Para poder canalizar ese espírito altruísta arousán, o sábado, 20 de xaneiro, organizan un taller solidario de defensa persoa.
Todos os fondos recadados do taller estarán destinados á inminente expedición da asociación sen ánimo de lucro Equipo Nómada na localidade de Bikop, en plena selva de Camerún, onde un equipo de seis profesionais da sanidade galegos operarán a dez nenos e nenos con malformación conxénita do pé zambo.
Iria Paz, podóloga de Vilagarcía e membro de Equipo Nómada, explica a importancia deste proxecto. A viaxe que se desenvolverá en febreiro para estas operacións será xa a terceira no marco desta iniciativa, tras dúas previas de valoración. Agora, realizarán as intervencións cirúrxicas e, con elas, evitarán que estes menores sufran as incapacidades físicas e a exclusión social que en Camerún implica o pé zambo.
O pé zambo é unha deformidade conxénita grave do pé que afecta a un de cada 1.000 nados e ten maior incidencia nos países en vías de desenvolvemento. En España, cando se detecta un caso, abórdase xa en pouca idade, con actuacións que evitan maior gravidade. Con todo, en países como Camerún "limita totalmente la vida de los pacientes".
"Allí no es solo una deformidad física, sino que es una limitación social. A estos niños se les margina, las familias no les llevan a determinados lugares, no van a la escuela... es una marginación social", explica Iria Paz.
Equipo Nomada operará a dez nenos e nenas previamente diagnosticados e non tratados ao nacer. Teñen detectados a máis nenos afectados, pero nesta ocasión só poderán asumir dez intervencións porque é "el número máximo que pueden asumir" tanto a nivel económico como para garantirlles un correcto postoperatorio.
As intervencións realízanse en Bikop porque na zona existe un hospital central "con muy buenas instalaciones para lo que es Camerún" no que traballa un grupo de sanitarias españolas con experiencia na zona desde hai anos. Ata alí adoitan desprazarse persoas de todo o país neste tipo de campañas.
O propósito desta entidade é "en cada viaje atender a cuántos más niños mejor", pero as pezas de cirurxía teñen un custo elevado que non poden asumir para máis de dez pacientes nesa ocasión. Os arpóns que implantan no pé teñen un valor de 400 euros, aos que hai que sumar outros gastos de material e tamén o desprazamento dos seis integrantes do equipo: unha podóloga, tres cirurxiáns e dous anestesistas.
A asociación traballa desde 2020 en Marrocos, Camerún e San Tomé e Príncipe, da man dun equipo multidisciplinar formado por unha fisioterapeuta, unha enfermeira, dúas podólogas e unha terapeuta ocupacional que, tras anos colaborando en proxectos doutras entidades, puxeron en marcha a súa propia asociación.
Este proxecto, como todos os desta asociación nada en 2020, finánciase con doazóns dos seus socios e, para contribuír a financialo, o sábado celebrarán este taller solidario, no que a escola de artes marciais Dojo Berserkers participa de forma desinteresada e colabora o Concello de Vilagarcía.
Cada persoa interesada en participar tan só terá que pagar unha matrícula de 20 euros e poderá ter unha clase de iniciación para obter nocións básicas sobre defensa persoal. Ademais, Señora DJ amenizará a xornada cun fin de festa musical e sortearanse agasallos proporcionados por empresas colaboradoras a cambio dunha doazón de 4 euros.
Das 70 prazas dispoñibles, aínda hai algunhas libres. Todas as persoas interesadas, poden inscribirse utilizando o código QR que se atopa nos carteis publicitarios, a través das redes sociais do Dojo e do Equipo Nómada e no Centro Podológico Vilagarcía.