Orzamento de 375.000 euros para renovar as escaleiras de emerxencia no Príncipe Felipe
Por Redacción
Na última Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra celebrada este 2023 aprobábase en materia de infraestruturas o expediente para contratar as obras para substituír as escaleiras de emerxencia do centro infanto-xuvenil da escola fogar do Príncipe Felipe.
O orzamento para estes traballos ascende a 375.000 euros coa incorporación dunha nova escaleira e a creación dunha nova envolvente exterior, ademais doutras reparacións. Implantarase tamén iluminación e portas de emerxencia, ademais de estar previsto un traballo de pintado. Unha vez adxudicadas, as obras deberán estar listas nun prazo de cinco meses, segundo informaba o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
Por outra banda, aprobábase a concesión de subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís.
Serán 94 proxectos de corenta municipos da provincia, segundo explicou López, cun investimento de 1,4 millóns de euros para financiar estes proxectos de mellora nas contornas urbanas.
Tamén se aprobaba a adxudicación de orzamentos por 1,4 millóns de euros para a transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes, que se corresponde con cincuenta concellos da provincia.
Este diñeiro destínase á adxudicación da plataforma de videoactas e transmisión de plenos para 36 concellos por algo máis de 550.000 euros e unha nova infraestrutura de capacidade e alto rendemento para novas ferramentas dotada con preto de 200.000 euros.
A elas súmase a subministración de equipos de traballo cun investimento próximo aos 600.000 euros e suporá a entrega de 656 portátiles estándar e 93 de altas capacidades. Destinarase tamén 50.000 euros á plataforma de comunicación e xestión de incidencias para establecer unha relación directa entre a cidadanía e os concellos.
Relacionadas:
-
Prórroga dun ano ao convenio entre Deputación e Concello para acometer as obras da reforma de Barcelos
Por Redacción |
-
Lourizán abre as súas portas e 34 empresas interésanse polo concurso para definir o seu futuro
Por Redacción |
-
Retiran os históricos bolardos da entrada do Pazo Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación cofinanciará a dotación de dous camións para a recollida de residuos en Ribadumia
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación ten habilitado na súa web un sistema de información para denunciar infraccións ou corrupción
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación ponderará a perda de poboación e o envellecemento no reparto de fondos aos concellos
Por Oskar Viéitez |