A Avenida de Cambados en Vilagarcía, inundada polas chuvias
Por Redacción & Aitana Vidal
As fortes e abundantes chuvias que están a afectar a toda Galicia coa chegada deste novo temporal provocaron a inundación da Avenida de Cambados en Vilagarcía de Arousa. A auga alcanzaba os baixos dos automóbiles que intentaban circular pola zona, unha das vías, que máis tránsito rexistra na vila. A continua tromba de auga provocou a caida de colectores tamén nesa avenida. Tamén se inundaron outros puntos do centro da cidade como Rosalía de Castro ou a Praza de Galicia e o caudal do río do Con ascendeu situándose a apenas un metro do desbordamento. A primeiras horas da tarde rexistráronse 9 litros de auga por metro cadrado durante 10 minutos.
Por outra parte, na Illa de Arousa produciuse o desamarre dunha batea que se encontra, á deriva, nas proximidades do Instituto Galego de Formacion en Acuicultura golpeada polo mar contra as rochas.
Na zona de Cambados, segundo informa Protección Civil, as consecuencias do temporal provocaron un apagamento de luz en Castrelo, que se solucionou temporalmente a través de xeradores. Tamén se rexistraron desprendementos de ramas de árbore e algunhas inundacións en baixos de varias vivendas.