Comando Mazá
Aquí faltan páxinas e sobran censores
Neste 8 de marzo o grupo feminista Comando Mazá quere facer pública o apoio expreso ás relatoras vetadas pola Deputación de Pontevedra, Montse Fajardo, María Xesús López Escudeiro, Elsa Quintas e Mercedes Queixas, e sumarse ás denuncias contra esta administración por volver aos tempos das listas negras e da persecución política.
Ao día seguinte das eleccións do 18 de febreiro, as biógrafas das que ían ser as protagonistas da segunda edición do programa Aquí faltan páxinas, reciben a noticia de que non pasaron o “filtro”.
É público e notorio que ningunha delas comparte a ideoloxía política do PP o cal unido a que o feminismo e a memoria histórica son claves na súas intervencións, o goberno da Deputación ao máis puro estilo censor, borrounas das páxinas.
O PP na Deputación de Pontevedra está sendo unha verdadeira máquina de demolición na recuperación da memoria histórica e tamén para as políticas feministas, pero baten en ferro duro, porque terá enfronte a todas as persoas de ben, homes e mulleres, que non estamos dispostas a calar. Berraremos alto e claro AQUÍ FALTAN PÁXINAS E SOBRAN CENSORES.
Este 8M volveremos a saír á rúa a pelexar polos dereitos conquistados e polos que quedan por conquistar, dando a batalla para evitar retrocesos e combater aos que pensan que poñendo un lazo na lapela poden enganarnos.