'As Moiras' Colectivo feminista de Moraña
Nace "As Moiras", Colectivo feminista de Moraña
O colectivo Feminista 'As Moiras' presentouse hoxe, xoves 7 de marzo, na Carballeira de Santa Lucía, como unha entidade que nace das inquedanzas dun grupo de mulleres feministas con base en Moraña.
Trátase da primeira e única asociación feminista do concello.
Iria Pereira explicou que o nome escollido, entre as moitas propostas, é aportación de Urxa, unha nena de dez anos, que o tomou prestado da mitoloxía grega: as moiras son tres mulleres, irmáns, que tecen os fíos do destino dos homes e mulleres. e nós desde o colectivo queremos tecer o
destino libre e igualitario das mulleres promovendo o feminismo nunha sociedade máis xusta.
Na presentación participaron varias das integrantes, que estiveron representadas nas voces da súa presidenta Iria Pereira Búa, da vicepresidenta Nuria Piñeiro Camiño, da secretaria Clara Bugallo e da tesoureira Carmen Fariña Rey.
Con elas, máis dunha vintena de mulleres, manifestaron que traballarán en clave feminista na interpretación da realidade de Moraña a través da realización de actividades como a celebración de xornadas formativas, de proxeccións de documentais e películas, debates, clubs de lectura, etc...
"As Moiras" aproveitaron a presentación para presentar o logo do colectivo, que foi realizado pola ilustradora morañesa Ruth Caramés, que tamén forma parte da directiva. Ademáis fixeron un chamamento á participación nas manifestacións que o 8 de marzo se levarán a cabo en todo o país.
“As Moiras” acudirán á que se celebrará en Pontevedra ás 20.30 horas.