Andrés Núñez Rajoy
Sportswashing. Quedan valores no deporte?
Quedan. Non vou deixar a resposta para o final. Pero o que me preocupa é esa palabra en inglés de "sportswashing" que dun xeito rápido poderíamos traducir lavado deportivo, branqueo ou branqueamento, por parte de persoas ou países, a través do deporte para mellorar a súa imaxe. Agora úsase moito máis esa palabra xa ven de vello, nomeadamente no fútbol por parte persoa procedentes de Arabia e de Rusia. No ano 2008 o xeque Mansour bin Zayed, de Emiratos Árabes Unidos, é o propietario del Manchester City, do New York City FC. e Montevideo City Torque de Uruguai. Mohammed bin Salman, príncipe heredero de Arabia Saudita, do Newcastle. Nasser Al-Khelaïfi é dono do Paris Saint Germain (PSG). Por España pasaron Turki Al-Sheikh e Abdullah ben Nasser Al Thani que mercaron Almería e Málaga, respectivamente, pero que xa non están ligados a eses equipos. Aí comezou o "sportswashing" dun pais que non respecta os dereitos humanos, onde as mulleres non poden ter parella, ou casarse, ou estudar sendo que, ou recibir algúns tratamentos sen o permiso dun home (titor ou pai). Un país onde o feminismo, a homosexualidade ou o ateísmo son "oficialmente ideas extremistas" e poden acabar como mínimo con lategazos na praza pública, cárcere ou mesmo a morte.
Os países da península de Arábia, e, nomeadamente, Arabía Saudita, diante da redución do consumo de petróleo, interésalles mover a economía cara outros lados e para iso teñen un plan que xa presentaron no 2016 sendo os seus promotores o rei Salman e o seu fillo Mohamed bin Salmán (a quen lle botan a culpa de asasinar periodistas) . Para que van respectar os dereitos humanos sen ten 2 billóns de euros para mercar branqueadores (Fondo de Inversión Pública de Arabia Saudí-PIF). Ao ver que non conseguían tanto premios como eles querían acabaron enchendo as súas ligas con estrelas do fútbol mundial. Son tantos, entre adestradores, fisoterapeutas, e xogadores, que non chegaría este artigo para escribilos.
A partir de aquí comezaron as inversión a eito nos deportes. No 2023 catro grandes premios de Formula 1, o GP de Bahrein, o GP de Arabia Saudita, o GP de Qatar e o GP de Abu Dhabi. Logo foron polo golf. Din que a Tiger Woods lle ofreceron 600 millóns de euros e ao final quen acabou indo alí foi Jon Rahm. O mencionado PIF creou a LIV Golf ca fin de eliminar a importancia dos PGA Tour (americano) e o DP World Tour (europeo). Parecía Jon Rahm nunca ía ir alí, polo menos así o daba el a entender, todos pensábamos que ía aguantar ao talonario saudí, ao final claudicou.
Mais foi a fichaxe de Rafa Nadal como embaixador da Federación de Tenis de Arabia Saudí a que chegou ao cumio. Si comparamos todas as contratacións que levan feito ata o de agora a de Rafa Nadal é pura artesanía, deron na diana de cheo. Rafa Nadal non só é coñecido senón recoñecido en todo o mundo polo seus valores deportivos de un competidor ideal, é bo xogador, é competitivo, respecta aos contrarios, é un ídolo con letras grandes. Era , e perdóenme a frase por antiga, o mozo que todas as avoas queren para a súa neta. En Arabia Saudita conscientes desta vitoria, saben que o que había era un balado que o impedía traer a máis figuras do deporte, Nadal fixo un burato. Entrou Nadal, agora xa pode vir calquera.
Nunca se pode dicir que desta auga non hei de beber, todo depende das necesidades de cada quen, por iso podo entender, aínda que custa, que haxa causas que o xustifiquen pero con todo o que nos levaba vendido Nadal en canto aos valores do deporte isto é unha gran frustración para os seus seguidores. Amnistía Internacional e Human Rights Watch (HRW, Observatorio dos Dereitos Humanos) levan elaborando informes sobre persecucións, xuízos arbitrarios, torturas, violacións, pena de morte ou asasinatos en Arabia Saudita non se pode mirar para outro lado. Cambiou o Rafa Nadal xogador polo Rafael Nadal empresario, é público a súa inversión en hoteis, produtoras de cine (Netflix), edificios exclusivos, festivais e enerxía eólica (tamén en Galicia). É un triste final para un gran xogador, seguramente estará entre os tres mellores tenistas do mundo na historia do tenis. Un xogador con un gran capital e moitas inversión rendibles que, aparentemente non tiña necesidade de facelo e ao final por branquear un réxime ditatorial e feudal vai acabar como un "pesetero".
Polo que vemos onde non quedan valores é nalgúns deportistas, ou clubs ou federacións. Vemos a xente como Jürgen Klopp (adestrador Liverpool FC) que di: "Son de esquerdas. Creo no Estado de benestar e non teño seguro privado. Si hai algo que nunca farei na vida es votar á dereita que promete baixar os impostos aos ricos". Tamén Xabi Alonso, adestrador do Bayer Leverkusen plantándolle cara aos plan da ultradereita alemá de deportar emigrantes cando na roda de prensa fixo unha alegación contra a medida e dixo: "Tenemos que ser claros y estar a la altura de nuestros valores, de nuestra posición democrática en estos términos" e "Esto pasa en Alemania, en España, en Italia... Así que todos esos son los valores que defendemos en Alemania y en Europa esas cosas no podemos aceptarlas"
No deporte socialízase, trabállase en equipo, coopérase e convívese, é moi importante o sentimento de grupo, que se vexa esa amizade como equipo, esa preocupación polos demais, sen esquecer o que se representa, as cores do teu equipo. Xoguei a balonmán na xuventude. Decátome que cambiaron moito as cousas. Íamos sete nun seiscentos (hoxe ilegal), a roupa lavabámola nós, campos de cemento, vestiarios compartidos, a auga da ducha ía dende fría ata moi fría, non había fisioterapeuta, en caso de escordadura viaxe ao compoñedor de osos e veña a xogar na seguinte fin de semana. O "maletín" do "masaxista" tiña, algodón, vendas, esparadrapo, un bote de bicarbonato, alcohol e auga osixenada, un paquete de aspirinas, mercromina (que acababas todo tinguido de vermello) e unha de linimento Sloan, que se usou primeiro para os cabalos (https://oldmainartifacts.wordpress.com/2015/12/17/sloans-liniment-boston-ma/), e logo pasou a ser un compoñente importante dos deportistas afeccionados nos anos 60, 70 e 80, deixando un cheiro característicos nos vestiarios. Como vedes cambiaron moito as cousas, e iso é bo. Agora hai médicos especialistas, fisioterapeutas, profesionais técnicos de TAFAD e licenciados de INEF, que saben levar as cousas deportivas dun xeito máis profesional. Melloramos, mais o que segue igual son os valores do deporte, e iso sempre será bo.
Teño que recoñecer que a min que mellor me fixo ver os valores do deporte foi Arsenio Iglesias cando era adestrador de RC Deportivo da Coruña, o SuperDepor. Daquela eu vivía en Carballo, o meu fillo pequeno ía a unha escola unitaria en Queo de Arriba, na parroquia de Bértoa, onde tiña como mestra a Carme, a esposa de Arsenio. Sempre que podía, cando o Coruña xogaba na casa, (permítanme esta licenza de chamarlle o Coruña ao RC Deportivo, é que así foi como lle chamei sempre e como lle chamaba meu pai, coruñesista a máis non poder, e toda a xente que me rodeaba), Arsenio ía ás cinco da tarde a buscar a Carme cando terminaban as clases. Ía con tempo de sobra, falaba con nós e xogaba cos nenos. Metíase comigo por celtista, ríamos. Falábamos do fútbol, e tamén do deporte, dos valores do deporte. Con el aprendín o valor máis importante do deporte, dicía: "mira Andrés, o fútbol non é fútbol e o deporte non é deporte si non hai respecto, os xogadores deben respectarse entre eles, deben respectar ao contrario, deben respectar ás afeccións, respectar as ideas, a todos nos gusta gañar, pero respectando". Hoxe vemos as palabras de Arsenio na campaña que fixo a UEFA co tema "Respect", por algo era "sabio". Respecto tamén cos Dereitos Humanos.
Aínda quedan moitos deportistas con valores. Hai partido.