Celestino Pardellas de Blas
'Que non morra a dorna! Ons: Unha posible alternativa na etapa estival'
O tema da Dorna, como embarcación tradicional que necesita axuda para que non desapareza das nosas costas, xa o tratei na revista Os Galos no seu nº 7 co título: "A Illa de Ons, alternativa turística agrícola-mariñeira", tamén no minixornal Onstopus, nº 48 e 51 cos títulos: "A dorna, alternativa turística, lúdico-didáctica, en Ons" e "As dornas, unha alternativa turística para a súa conservación".
Á vez tamén foi analizado polo meu irmán Xulio Pardellas na revista AUNIOS nº 17 co título: "Apesca e o turismo mariñeiro na Illa de Ons" onde a dorna é un pilar importante. Neste pequeno artigo non vou entrar a analizar os diferentes tipos de dornas nin os seus aspectos técnicos, senón que vou intentar dar unhas modestas suxestións e ideas para que, a Dorna, siga sendo un elemento náutico que prolongue e continúe, coa súa presenza grácil e elegante navegación, dignificando e enriquecendo a Cultura Mariñeira das nosas rías baixas. Vou centralizalo na Illa de Ons, aínda que a base do meu ensaio pódese extrapolar a calquera punto das Rías Baixas.
Pasos previos ao xurdimento da dorna en Ons
A Dorna xorde na Illa de Ons a mediados do s. XIX, aínda que xa antes se achegaban ás súas augas dornas procedentes da ría de Arousa e Pontevedra para realizaren faenas pesqueiras, sendo Ons unha parada obrigada e tendo cos seus veciños transaccións económicas de troco de produtos agrícolas e pesqueiros. Coa instalación da salga na Illa, a chegada a Ons de embarcacións da costa próxima que se dedicaban á pesca da sardiña e a súa venda na propia illa, aumenta e promove outro tipo de intercambio comercial cos aunienses.
Despois da venda da sardiña, mercaban aos veciños, a carón de produtos agrícolas, diferentes peixes de calidade, mariscos,..., pero sobre todo, polbo, que despois revendían a un maior prezo nos seus portos de orixe. Isto provocou un cambio na vida dos habitantes de Ons.
Por un lado, principalmente as mulleres, pasan a traballar na salga e os homes dedícanse máis á pesca (en especial do polbo que collían ao visto e andando á marea nas baixamares), para logo venderllo a eses pescadores que viñan a traer sardiña á salga, o que orixinou un salto económico coa entrada e movemento de cartos nas familias aunienses. Á vez, a abundancia de sardiña nas proximidades de Ons e a doada venda na illa, trae que moitos mariñeiros fagan varios lances ao longo do día, co conseguinte beneficio económico, e ata intentar conectar coa veciñanza co fin de poder quedar a durmir nas súas casas e así non teren que desprazarse ata os seus portos de orixe á espera, a maioría das veces, de cobrar e levar cartos ou outros produtos para o seu porto base. Esta circunstancia foi a que provocou a entrada dos aunienses no mundo do mar.
Contaba a Sra. Juana Otero (A Sra. Juanita, a finais dos anos 70 do s.XX, tería 75 anos) como algúns mariñeiros facían amizade cos veciños e desta harmonía uns e outros sacaban os seus beneficios. A Sra. Juana comentaba "Contaba o meu pai que os que viñan a vender a sardiña á salga, a maioría das veces cobraban a finais de semana, por iso, moitos fixeron amizade cos veciños e quedaban a durmir nos alboios das casas, deixando as redes a secar alí onde estaba o hórneo (piorno) de madeira de Chin. Despois, ao cobraren, algúns comprábanlle aos veciños de Canexol e Pereiró, que eran os que mellor pescaban á seca, o pulpo que tivesen, tanto fresco como seco...".
Estes feitos provocaron que eses mariñeiros lles ensinasen aos veciños que os acollían, a navegar na dorna e aprender as artes de pesca do polbo: ao espello e á raña. Comentaba Juanita: "... había días que non ían ao mar porque na fábrica non collían sardiña, entón, animaban aos homes da illa a que foran con eles nas dornas e ensinarlles a pescar co espello e coas liñas e cotelos... Podían ir eles sos a pescar o pulpo, pero tiñan medo que os da Illa fosen a por eles por quereren quitarlle os pulpos, por iso levaban a un da Illa e así non pasaba nada..." De seguro que foi nestes intres cando, debido a que, por unha banda algúns veciños dispuñan de cartos e pola outra tiñan un novo aliciente ao coñecer outros xeitos, quizais máis doados de pescar o polbo, que os máis podentes decidiron meterse á compra dunha embarcación adecuada á zona onde residían, e esta foi claramente a Dorna.
Xorde a Dorna en Ons
Como comentaba a Sra. Juanita, os homes da Illa comezaron a ir ao mar e aprender os oficios pesqueiros tradicionais con eses mariñeiros da costa próxima, sobre todo da zona do Barbanza (Aguiño e A Pobra). O pequeno xurdimento económico fixo que se atreveran a mercar as primeiras dornas. Comentaba o Sr. Manuel Piñeiro: "... as primeiras dornas que compraron os isleños, eran un pouco grandes, había catro ou cinco dicía o meu pai. Vendíanas, do que agora chaman segunda man, os mariñeiros de Aguiño que ían a cambiar de embarcación e meteronolas a nós. Esas embarcacións non valían para o noso oficio da pesca do polbo, congro, lura e centola, polo que ao final utilizáronse para desprazamentos a Bueu e Portonovo cando se ía a moer, ás feiras, a vender a pesca, a mercar gando...".
Pode ser que nun principio os aunienses intentaran aprender o oficio de mariñeiro (como contaba a Sra. Juanita) para a pesca da sardiña de aí o de mercar as primeiras dornas do tipo chamado "de tope", pero, de seguro a pesca da sardiña non era tan rendible para eles como a do polbo, a parte de requirir uns coñecementos e uns aparellos que non tiñan, por iso, decantáronse posteriormente pola denominada "Dorna Polbeira" que é a que predomina nas rías baixas, que pode ser manexada por unha soa persoa e era a ideal para a pesca do polbo ao visto, con espello e con liña ou raña. ADorna Polbeira triunfou en Ons, principalmente a partires de que o Sr. Riobó comprara a Illa e a súa dedicación comercial fora a compra-venda de congro e de polbo. Cada familia tiña unha dorna, era o aporte do home ao matrimonio, habendo algunhas casas que tiñan máis dunha debido a que vivían dúas ou tres familias nela. En pouco tempo, os aunienses convertéronse nuns expertos na pesca do Polbo, do Congro, da Lura e de varias especies de mariscos, entre os que destacaba a Centola.
1960: Comeza a decadencia da Dorna en Ons
Como xa teño explicado, a finais dos anos 60 do s. XX, comeza o declive da dorna ao enfrontarse os au-nienses ao desafío da compra de barcos a motor grazas ás boas perspectivas económico-pesqueiras da época e ás facilidades que estaleiros como o de Purro en Bueu e a motores Pazó en Pontevedra lles daban aos aunienses para mercaren barcos e motores. Nunha década, as dornas pasaron a realizar tarefas de auxiliares dos barcos motorizados ou á pesca estival do polbo con métodos tradicionais. Estes barcos xunto co xurdir da nasa do polbo e na década dos 90 coa reestruturación da pesca e a aparición das planadoras para ir ao percebe, déronlle a puntilla á dorna que a pasos de xigante foi desaparecendo de Ons ata chegar aos nosos días, 2023, no que só contamos coa do auniense Cesáreo, en activo. Ons non pode perder este símbolo da súa economía, de aí o buscarmos fórmulas para que a Illa siga a manter a Cultura da Dorna que tanta vida lles deu.
Como se pode recuperar a Dorna en Ons
A perda desta embarcación (símbolo económico), xunto cos piornos (etnográfico) de Ons, orixinou en principio en min e posteriormente na asociación PineirÓns, unha reivindicación desta tradicional embarcación para a súa dedicación a fins culturais dentro dun Turismo Mariñeiro asociado ás vivendas aunienses que quixesen dedicarse ao Turismo Rural-Mariñeiro. Aínda que, tamén, pode verse como un recurso sostible, onde a Consellería de Medio Ambiente e Parques xunto coas Asociacións de Embarcacións Tradicionais que hai nas rías de Pontevedra e Arousa, poñan as facilidades para que en Ons, durante o verán, estas asociacións, en acordos coa administración, realicen actividades lúdico-didácticas sobre a Dorna. Aperda desta embarcación para a pesca é unha realidade que dificilmente vai volver atrás, de aí a dedicación das diferentes Asociacións de Embarcacións Tradicionais das rías baixas para a súa recuperación. Pero ese rescate non vai ser doado pois require unha dedicación, uns coñecementos de carpintería de ribeira e unhas dotacións económicas.
Sobre todo estas últimas cada vez van ser máis complicadas de conseguir dos organismos oficiais se non se lle busca outras actividades que as especificamente deportivas para animar ás administracións a dotar de subvencións a estas asociacións para a recuperación destas embarcacións. Coido que a alternativa turística pode ser unha solución para unha embarcación mariñeira na que se lle pode ensinar ás persoas interesadas, todo o relacionado coa súa navegación e dedicación pesqueira: Vogar cos seus típicos remos cruzados, manexo e navegación con vela, artes ás que se dedicaba, prácticas ecolóxicas desas artes... e como non a competición a vela e a remo, cun o dous mariñeiros onde voga cada un no seu posto de "couso" ou "arca". Sería unha dedicación lúdico-didáctica, que en Ons podería estar promovida polo Parque e patrocinada pola consellería de M. Ambiente, Xuventude, Cámping, Hostais, Navieiras... Casas turísticas, para levar a cabo un Turismo Mariñeiro na Illa, que sería unha alternativa ao sol e á praia... e que redundaría nun turismo sostible cun impulso etnográfico de coñecementos arredor da historia mariñeira desta engaiolante Illa de Ons.
Documentais: Fotos, vídeos...
En Ons a Dorna empregouse para a pesca do polbo principalmente. Tamén, segundo a época do ano, para a pesca do choco e da lura, do congro con palangre e para a pesca da centola. Tamén se intentou para o trasmallo, betas, nasas..., e ata para a pesca de arrastre á ameixa, pero foron oficios que non daban o resultado desexado polas características desta embarcación, polo que se deixaron de traballar con ela. Un punto importante para que non se perda ese valor patrimonial etnográfico da Dorna, e tendo en conta que aínda queda unha en activo e mariñeiros que traballaron a eses oficios nelas, que se preparase un documental de cada oficio para que as xeracións vindeiras coñezan a utilización pesqueira tradicional da Dorna.
Cursos de remo e vela na propia Illa
Na Illa, a dorna polbeira, na súa maioría, era impulsada pola forza do mariñeiro ou mariñeiros (podían vogar dous, un no costado de babor, chamado Couso e outro no de estribor chamada Arca). Poucas utilizaban vela, iso non quere dicir que non a tivesen, pero, agás nos desprazamentos longos, era un estorbo máis que unha axuda, polo xeral traballaban a carón da illa e os remos eran a mellor solución. Sería interesante organizar, uns pequenos cursos de 4- 5 días ao mes no verán, onde nenos, mozos ou maiores interesados, e despois dunhas charlas previas, aprendesen a manexar os remos cruzados e a navegación a vela. Poderían estar organizados polo Parque ou por algunha asociación de embarcacións tradicionais. Os cartos para levalo a cabo poderían sacarse de subvencións ou sufragadas polas Consellerías do Mar, M. Ambiente, Cultura e Turismo, Parques, Concello... Tamén se lle podería ofrecer aos rapaces do Campamento que a Xunta organiza na Illa e podería ser patrocinada pola Dirección Xeral de Xuventude. Os gastos serían para o pagamento dos monitores, comidas e estancia. Para estas últimas podería chegarse a acordos con Parques e Campamento.
Turismo Activo nas Vivendas aunienses, apartamentos, cámping...
Como quedou explicado, a Dorna foi o elemento económico máis importante dos veciños e se dedicaron a varios oficios pesqueiros con ela destacando a pesca do polbo, lura-choco e peixe como fanecas, lirios, maragotas... Chegando a acordos económicos coas asociacións de embarcación tradicionais posuidoras de Dornas, durante uns días á semana, segundo a meteoroloxía e estado do mar, poderíase organizar unhas xornadas de Pesca sen Morte, onde ademáis de aprender a navegar cos remos cruzados, coñecerían os diferentes oficios e aparellos para a pesca do polbo, da lura e dos peixes. Coñecerían as marcas pesqueiras e como se facían. E, se houbese a sorte de pescar algo, sería devolto no intre ao mar. Estaría pensado para persoas que se atopasen de vacacións na Illa e os gastos sufragaríanse co pagamento da actividade por parte deles. Poderiamos seguir a dar ideas de actividades con Dornas na Illa de Ons, pero coido que nun principio estas tres servirían, de querer desenvolvelas, como unha primeira iniciativa para axudar a salvagardar estas embarcacións, dándolles un uso diferente ou paralelo, ao deportivo de navegación e competición a vela e con iso tamén presentarlle á administración uns obxectivos acordes e diferenciados á hora de solicitar subvencións para o seu mantemento.
Celestino Pardellas de Blas