Marta Rodríguez Engroba
Da raíz do problema seguimos sen falar
Cincuenta e cinco mulleres vítimas de violencia de xénero, 56 de confirmarse como tal a morte con sinais de violencia da muller atopada en Nogueira de Ramuín (Ourense), porque outra cousa non, pero neste país noso miramos moito as denominacións de segundo e que cousas, o que ven sendo o mesmo ás veces, demasiadas, e perdoádeme a comparación, que sacudirse as moscas co rabo, amén dos menores aos que tamén os seus proxenitores truncaron brutalmente as súas curtas vidas e os que quedaron orfos tras o asasinatos das súas nais, para que os responsables dos Ministerios de Igualdade e do Interior se reunisen, supostamente para tentar paliar esta sanguenta vaga de violencia machista que estamos a vivir.
E isto soamente neste ano ao que aínda lle quedan unhas semanas para rematar, porque hai moito que as cifras de asasinatos machistas son, sinxelamente, arrepiantes, malia que neste que estamos a piques de rematar, a nefasta xestión do Ministerio de Igualdade saínte e das súas responsables foi decisiva para que se batera un tráxico e dantesco récord.
Naturalmente, pouco ou nada se pode opinar ata o momento das integrantes deste novo Ministerio, xa que acaban de aterrar, e queremos crer, de verdade que o desexamos con todo o corazón, que celebrar esta xuntanza permite entrever unha certa esperanza de que as cousas melloren, mais as noticias que transcenderon aos medios sobre as futuras medidas a adoptar non fan se non ratificar, unha vez máis, por unha banda, que os responsables de tomar medidas para velar polas vidas destas mulleres e dos seus fillos seguen a estar a anos luz da súa auténtica realidade, isto dando por sentado que, no que atinxe ao Ministerio de Igualdade, teñan auténtica vontade de que as cousas muden, porque no que ao Ministerio do Interior respecta, está claro que a raíz do problema vai seguir estando xustamente aí, na raíz, sen saír a superficie, por máis que se saiba que non son raíces sans, podrecendo, en consecuencia, todo brote san que poida ir nacendo.
Ambos Ministerios coinciden, e así o trasladan, que, ante a violencia de xénero, a denuncia é imprescindible, suliñando o Sr. Grande-Marlaska que é responsabilidade da sociedade facelo, pedíndolles ás vítimas que o fagan, pero tamén á súa contorna mais cercana, manifestando, e cito textualmente:
"Que confíen en nuestras Fuerzas y Cuerpos de Seguridad porque en muchas ocasiones es la única manera de salvar la vida. La denuncia es la que nos permite abrir el paraguas protector del Estado español".
Unha mensaxe que soa moi ben, pero que, insistimos, non aborda para nada a raíz do problema.
Evidentemente, que a vítima denuncie é fundamental, como tamén é moi importante a implicación desa contorna, ademais da súa obriga, a obriga de todos, cando se ten coñecemento dunha situación de violencia machista, pero o Sr. Ministro semella esquecer a obriga de eses FCSE de actuar en consecuencia, e estar aí cando se lles necesita, algo isto que non sempre sucede, e, para mostra, as mulleres que, malia ter ordes de afastamento ou, supostamente, protección, foron asasinadas.
As vítimas teñen todo o dereito a saber cal vai ser a realidade do que lles agarda unha vez posta esa denuncia, da protección coa que van contar, pero da real, non da que nos venden nas campañas e nos medios de comunicación.
O contrario e condenalas dobremente
Unha vez máis lle preguntamos: Que sucede nas Ufam nesta ponte que aínda non rematou, por poñer tan so un exemplo? Que vai pasar nas xa inminentes vacacións de Nadal, na que a violencia machista sempre experimenta un repunte e os axentes especializados practicamente brillan pola súa ausencia?
A onde, a quen, acoden estas mulleres?
Algún día ten pensado darnos unha resposta, ou, mellor aínda, non nos responda se non quere, pero algún día ten pensado tomar medidas ao respecto?
É moito máis doado trasladarlle a responsabilidade as propias vítimas, non si?
É obvio que Vd. descoñece, e con todo o respecto llo digo, o que é levar a mochila do pánico por elas, polos seus fillos, as súas costas día tras día, hora tras hora, minuto a minuto, sabendo que, en calquera momento, o fin da súa tráxica historia pode chegar do peor,pero previsible, xeito posible.
Tamén se referiu a inactivación dos casos incluídos no sistema VioGén, que deixa as vítimas sen protección, se é que, realmente a tiveron nalgún momento.
E respecto a esta cuestión, tamén lle preguntamos: Quen o decide e en base a qué? O axente ao que lle toque, así, porque si, e segundo o seu propio criterio? Porque, tal como está a funcionar o sistema, da a sensación de que así é, e, obviamente, o criterio non vai ser o mesmo se ese risco é avaliado por un axente concienciado, implicado, que por un "Machoman", con perdón, de manual con moitos galóns, brillantes condecoracións, pero con cero empatía e outro tanto en canto a sensibilidade, algo que, por desgraza, é o que está a suceder en numerosos casos.
E, se non é así, pregaríamos que alguén nos explique o criterio que seguen e, xa que están, que nos conten tamén se isto vai unido a crenza de que, nese momento, a agresividade do maltratador tamén se desactiva, porque, de non ser así, non lle encontramos outra explicación.
E xa que falamos disto, por enésima vez lle preguntamos: Ten pensado levar a cabo nalgún momento, a revisión do perfil psicolóxico, das actitudes, da sensibilidade, dos efectivos das FCSE destinadas a atención e protección das vítimas de violencia de xénero ou pensa deixar que todo se siga a facer igual indefinidamente, malia que está claro, máis que claro, que isto vai mal, moi mal, e que os asasinatos machistas medran e medran sen parar?
A nova ministra adiantou que Igualdade comezará a participar na mesa de avaliación policial dos feminicidios que organiza Interior xunto resto de policías autonómicas cada mes.
Non sería esta unha magnífica ocasión para facer esa avaliación dos axentes que pregamos reiteradamente e que nunca se leva a cabo?.
Porque a experiencia dos que traballamos cada día coas vítimas nos demostra que, mentres esta non se faga, non haberá solución posible para paliar a violencia machista, como non a haberá mentres se pretenda achar esas solucións desde os despachos, sen escoitar as vítimas, pero as anónimas, as que loitan por sobrevivir cada día, e non exclusivamente as que fixeron ou están a facer, da súa presunta traxedia, un lucrativo negocio no papel couché e nos platós.
Non queremos pecar de fatalistas, nin moito menos negarlle o noso voto de confianza a este novo Ministerio, pero moito nos tememos que, unha vez máis, o resultado vai ser o mesmo can cun colar diferente e a primeira mostra é que, da auténtica raíz do problema, segue sen falarse.