Andrés Núñez Rajoy
Nas guerras non hai razóns. Sobra arrogancia e hipocrisía
Vendo o que acontece no Medio Oriente asústame a política internacional. Está collendo uns camiños que non mostran nada bo. Cando se publique este artigo xa se saberá o que pasou no norte da faixa de Gaza á que o Goberno de Israel ll deu 24 hora para que abandonaran a zona. Son optimista de nacemento, mais agora estáseme a esgotar a enerxía de mirar favorablemente. Non saímos dunha e entramos noutra. Preocúpame o camiño como se toman as cousas, fóra e tamén aquí. Ou queren tolearnos, ou estamos xa un pouco tolos?
Miro como se discute na rúa, nos bares, nos medios e nas redes deste conflito israelo-palestino. O que vexo é que non se fala de verdade do que pasa, non. Son discusións sobre o discurso que cadaquén ten do conflito ata facer ver que se ten razón. Vese reflectido na discusión política deste país de todo vale. Os pro-palestinos chámanlle hipócritas aos pro-israelitas por lamentar as mortes soamente dun lado. Pola contra pasa o mesmo. Fixan posición e de aí non se moven.
É difícil opinar sobre este conflito. En moitos casos é un "déjà vu", algo que levamos visto moitas veces e que non lle vemos solución. Seguramente porque non se quere. Empecei a entender algo deste problema incomprensible (irresoluble?) nos anos 80 do século pasado. Empezábamos ca horticultura intensiva en Galicia. Os primeiros invernadoiros de plásticos. A empresa catalá Regaber, representante en España da marca de rega Netafim que fora creado no kibutz Hatzerim e que puxera en produción parte do deserto de Neguev, trouxéronnos técnicos de Israel para aprendermos o método pinga a pinga. Veu un enxeñeiro agrónomo , de nome Daniel (non lembro o apelido), que tamén era do kibutz Hatzerim, para ensinarmos a manexar esta rega. Estiven con el en varias ocasións, unhas en Galicia en outras no Maresme catalá e en Murcia. Chegamos a intimar bastante e, claro, non podía deixar de preguntarlle polo conflito israelo-palestino. A orixe de Daniel era arxentina, seguía mantendo o acento característico dos porteños. Deume unha clase de historia para poñerme en contexto. Faloume da corrente antisemita que recorría Europa a finais do século XIX. De Theodor Herzl e o libro "O Estado Xudeu" (sobre a necesidade dun Estado Xudeu no mundo, ca proposta para o establecemento deste Estado Xudeu en Arxentina ou Palestina). Do Primeiro Congreso Sionista que acorda que Palestina sería a súa patria. Dos "aliá", os grupos de xudeus que volven a Palestina dende a diáspora.
Contábame que xa no século XX os árabes apoiaban ao Reino Unido para loitar contra os turcos a cambio dun estado árabe. De como participou Thomas Edward Lawrence (Lawrence de Arabia) que o deixou explicado no seu libro Seven Pillars of Wisdom (Os sete pilares da Sabiduría). Ao final da Gran Guerra cae o Imperio Turco e repártese Palestina entre os vencedores e comeza o imperio colonial franco-británico. Francia queda co que hoxe é Siria e Líbano e o resto o Reino Unido. De como o goberno británico publica a Declaración de Balfour na que se manifesta a disposición do goberno ao establecemento dun "fogar nacional para o pobo xudeu" (dicía que esta era a orixe do conflito actual). De como David Ben-Gurión proclama a independencia do Estado de Israel en maio de 1948, ao día seguinte os británicos abandonan Palestina e catro países árabes dos arredores (Exipto, Transjordania, Siria e Irak) entran en Palestina e comeza a Primeira Guerra Árabe-Israelí. Da Guerra do Seis Días. Dos atentados nos Xogos Olímpicos de Munich. De masacres e máis masacres, duns e doutros.
Mais el levaba o problema a un conflito relixioso. Era un socialdemócrata convencido. Mira Andrés - díxome unha vez – somos moitos en Israel os que estamos a favor das resolucións da ONU, non todos os israelitas son de extrema dereita nin ultrarelixiosos. Moitos queremos a paz, que teñamos dous estados que se entendan, un palestino e un israelí, pero tanto nu lado coma noutros pelexan para que desapareza o contrario; os palestinos teñen un problema de lexitimidade e nós temos moitos partidos tanto ultrarelixiosos coma os que negan aos árabes que acaban condicionando os gobernos.
Daquela non había nin internet, nin correo electrónico e non tiven máis contacto con el. En Galicia os invernadoiros acabaron incorporando rega pinga a pinga e eu saquei unha lección de historia e da vida, nunca todo e branco ou negro como nos queren facer ver agora. Nunca me gustou o maniqueísmo, bos e malos. Fártanme as emisións das televisións que transmiten a guerra coma se fose un espectáculo. Esa obrigación de ter que pronunciarte a favor duns e outros. Ese chamarlle a uns asasinado e aos outros mortos. Ese chamarlle a uns terroristas e a outros dereito a defenderse.
Aquí xuntouse a fame cas gañas de comer. Por unha banda Hamás que foi creada polo Estado de Israel para debilitar á OLP de Yasser Arafat e acabouse convertendo nun contrapoder á Autoridade Nacional Palestina(ANP). Organizacións coma Amnistía Internacional ou Human Rights Watch acusan a Hamás de crimes de guerra e crimes contra a humanidade, tanto cos xudeus como cos propios palestinos. E isto é o importante, tamén son terroristas cos propios palestinos. Isto para a ANP é un gran problema a hora de negociar.
Pola outra banda o Goberno de Israel é un goberno de dereita, apoiado en grupos ultra-relixiosos, en partidos extremistas de dereita e en partidos que negan aos árabes. É un goberno que non busca a paz, senón a vinganza, a desaparición dos palestinos e eles ocupar toda Palestina que é o que levan intentando cen anos. Terrorismo de Hamás e terrorismo dun estado.
Sabemos que nin Hamás representa aos palestinos nin o Goberno de Israel representa a todos os israelitas. O exemplo ben claro é que o secretario de estado dos EUA Antony Blinken reúneuse con Mahmud Abbas, Presidente da Autoridade Palestina. E tamén, cousa da que non se fala moito, é que Netanyahu á hora de facer un goberno de unidade e emerxencia non dou sumado ao líder da oposición israelita Yair Lapid, un home de centro e laico que manifestou que é necesario sacar aos extremistas do goberno. A máis triste é ver as distintas varas de medir que teñen neste caso. As cousas que valen para Ucrania non valen para Palestina. Si criticas o que leva feito Israel con Palestina enseguida te chaman antisemita, cando o que se quere facer é falar do que fai o Goberno Israelí, non os israelitas, cos palestinos de Gaza e Cisxordania.
Desde o 1948 xa van 75 anos de guerras e abusos. Agora entramos no peor escenario posible ca ameaza de "arrasar" Gaza, isto proba claramente unha cousa: "non aprendemos nada". Cada vez é máis forte a hipocrisía, a arrogancia e a soberbia. Aínda así e todo, e tal e como se vai desenvolvendo todo creo que Israel vai pagar un alto prezo se sigue neste plan, caerá Netanyahu, e haberá que volver a reconstruír pontes. Escoiteille dicir ao periodista Enric González que despois de que un israelí lle explicase o conflito israelo-palestino díxolle que se é que o entendera é que llo explicara mal (isto para min é un ha explicación da súa dificultade).
E, como me dixera o enxeñeiro Daniel co seu acento porteño: "mirá Andrés, esto de ser el pueblo elegido por Dios es una boludez". Pois iso. NON ÁS GUERRAS.