Andrés Núñez Rajoy
Política municipal de baixo nivel
Cústame moito entender, na política local, como se pode apoiar o nomeamento para unha alcaldía e logo non participar no goberno, e viceversa, é dicir que si buscas apoios para que te nomeen alcalde ou alcaldesa logo non fomentes acordos para gobernar. Por que o fan? Por imperativo legal dos seus partidos? Pois que o digan. Tanto uns coma outros. Son sabedor que non só pasa en Pontevedra, non. Por desgraza pasa en máis sitios dos que debera, en Santiago de Compostela sen ir máis lonxe. Isto leva a que se vexan contradicións inmensas como as de que o grupo municipal PSOE de Pontevedra acabe defendendo posturas que o PP converteu en estrelas da súa campaña. Mesmo, o voceiro do PP Rafa Domínguez, acaba de propor ao BNG a aprobación dos orzamentos do 2024 sempre que abra Raíña Vitoria Uxía e se leve a feira á Alameda.
Agora na política, algúns partidos contan cun consultor e un xefe de prensa. Así un confecciona "ideas forza" e outro desenvólveas nos medios e redes. O importante é estar todos os días nos medios. O importante é que falen de un. Ter ocupada a cabeza da xente. Coller un tema e raca-raca, non parar ata que se converte en cotiá. Iso acaba nunha polarización na que, as veces, aínda estando de acordo, acábase opinando o distinto sobre un mesmo tema ou dicir que se copiou a opinión. E, digo eu, si se copiou, que?. Todo isto é reflexo de políticas e políticos de baixo nivel. Seguen sen comprender que se deben á cidadanía.
Por riba dúas concelleiras, Pepa Pardo e Yoya Blanco, do PP e PSOE, que ademais foron socias de despacho, acaban leadas porque unha lle chamou discípula de Goebbels a outra no quecemento pola situación da feira, nun reflexo do que é a polarización. O que se ten aprender é que en política pódese cambiar de opinión, faltaría máis. As cousas nunca son brancas ou negras. E o que era bo o ano pasado este ano xa non o é. A política é diálogo e convencemento, non quen pariu a idea. Estas pelexas son a exposición dunha política de baixo nivel, de pouca categoría política. Di o meu amigo Moncho que "estamos nunha sociedade na que todo o mundo quere méritos, aínda que sexan falsos, mira a cantidade de xente que xunta os apelidos cun guión para darse importancia". Igual ten razón.
Si a política municipal vai ter coma eixo principal estes temas mal vamos. A política municipal é outra cousa, tanto para o goberno como para a oposición. Penso que neste caso tanto PP como PSOE se enganan. Imos ver.
Aínda que a feira se celebre nos días tradicionais que lle tocaba a Pontevedra xa non son o que eran as feiras tradicionais, agora é un "mercadillo" e fai falla un sitio axeitado e hai que buscalo, xuntos. A Alameda non é o sitio máis acaído, agás que queiramos acabar coas árbores das mesma que xa sofren moita hipoxia, é dicir falta de osíxeno nas raíces, debido fundamentalmente ao tipo de terra (xabre) que se foi botando alí e o pisado e compactado que está. Si o que imos facer é meter coches e furgonetas cargadas cincuenta e dous días ao ano seguro que compactaríamos máis.
No caso da rúa Raíña Vitoria Uxía, que o PSOE propón unha apertura descafeinada, planificouse nas chamadas Zonas de Baixa Emisións (ZBE) nas que se restrinxe o acceso de vehículos polas emisións, pensando na mellora do ar, en cumprimento da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, que no intre da súa implantación so cumprían Madrid, Barcelona e Pontevedra. Nisto debemos ser claros, ou aceptamos a Axenda 2030 ou facemos coma nos gobernos municipais de PP-Vox que se pechan carrís bici. A miña impresión, polo menos ca xente que eu falo, está preocupada polo cambio climático, pero "de boquilla" xa que en canto lle dis que para logralo hai que facer sacrificios xa non lles gusta tanto e, ou se está en contra do quecemento do planeta ou non. Vexo grandes doses de egoísmo cara as futuras xeracións.
Para entender todo isto non nada mellor que poñer a orella e escoitar o que di a rúa. No caso de Pontevedra, moita xente pensa que o PP e PSOE son moi parecidos, non nas ideas mais si no comportamento. Os dous teñen uns grupos de poder dentro. O PP é un partido de clase (alta) no que as familias tradicionais do poder pontevedrés seguen marcando o camiño, aínda que non estean na súa estrutura. O PSOE funciona como grupo consolidado no que as familias socialistas tradicionais seguen, tamén, marcando pauta. Non hai máis que mirar os compoñentes das dúas listas (a todas as eleccións). O PP sempre ten na súa estrutura representantes das asociacións de empresarios que xunto coa defensa pechada de ENCE márcalles moito a hora de elixir o voto. No PSOE aparécelle xente nova, con ganas, e cando os nomeamentos os facía a cúpula aínda se ían aguantando, cas primarias as cousas xa non son igual, houbo a liortas memorables e a xente non perdoa a división.
Por desgraza no PP as mañas seguen sendo as mesmas. Conseguiron a Deputación sen contar con ela polo despiste de PSOE e BNG. Para nomear presidente fan cesar a toda unha lista, será democrático, seguro, mais non é decente, deixa ao resto como ignorantes. Primeiras palabras e a poñer a parir a xestión, e insinuando dúbidas sen presentar probas. Lémbrame cando chegou Feijóo ao poder. Ceses a esgalla. A cambiar todo. E si non damos arranxado a culpa é dos que estiveron antes. Podemos velo no xeito de cambiar a dirección do Museo. Había un acordo para a elección do mesmo. Agora non, agora a dedo sen consultar ao Consello Asesor do Museo, que seguro que o acabaran cambiado por outra xente e outro nome. Ao tempo.
Mentres tanto o BNG. Perdón Lores. Está, como nos debuxos de Peridis, na súa columna a espera de acontecementos. Sabedor que para quitalo de alcalde non lles queda outra que facer unha moción de censura entre PP e PSOE. Aínda así o BNG ten un problema por diante que é a sucesión de Lores, e tamén a renovación do grupo municipal. Hai concelleiros que se poñen a etiqueta de imprescindibles e teñen que aprender que ninguén o é. Tantos anos nun posto político non é bo, penso eu, nin para a persoa nin para os administrados, non se pode converter a política nunha profesión. A xente fártase e iso ten que aprendelo o BNG, ou renovarse ou morrer.
E como se falou da Rúa Vitoria Uxía lembrarlle ao alcalde Lores que lle debe, a rapazada pontevedresa, un skatepark. Están saíndo bos practicantes deste deporte que agora é olímpico e teñen que ir a adestrar a outros sitios. Xa van máis de dez anos que Lores tivo a primeira reunión ca Asociación de Skaters de Pontevedra, prometeullo, vai sendo hora de cumprir.
Si a política municipal vai a resumirse en Alameda, Raíña Vitoria Uxía, os "piques" entre PP e PSOE por atacar ao BNG será moi pobre. Se o BNG non sae do binomio "modelo de cidade-Feira Franca". Marcará o nivel político dos responsables. Tamén pode aparecer un grupo de xente que, traballando no centro, nos barrios e nas aldeas acabe sendo unha alternativa. Hai partido.