Andrés Núñez Rajoy
Estupideces de verán
Observo polo verán condutas e procederes que non vexo noutras estacións do ano. Estou certo que moitas destas aptitudes hainas todo o ano aínda que se notan máis debido á cantidade de xente que anda pola rúa. Outras son estacionais.
Cachiman torso espido. Veño de facer un recado de O Grove. Son as 14: 30 do día 23 de agosto de 2023. O termómetro do coche marca 36,4 graos centígrados. Estou entrando na glorieta que separa as estradas que van ao Grove e a san Vicente do Mar. Entro na recta, paso o observatorio de aves que moito uso no outono e primavera. Vou chegando a glorieta do aeroporto e albisco un cachiman torso espido correndo. Pel morena queimada polo sol. A suor báixalle a regos polo lombo ata o van. Uns tenis, un pantalón curto de deporte e unhas gafas de sol por toda vestimenta. Os cachiman son esas persoas, nomeadamente homes aínda que tamén hai mulleres, que van lucindo corpo, o que na miña época lle chamábamos "un cachas", de aí o nome. O que me preocupa é que estando nunha vaga de calor, en pleno mediodía, ir co torso espido, sen protección na cabeza é de tolos. Será que non se avisou da vaga. Vense polo paseo de Riazor, ou Samil, ou Silgar, ou calquera sitio que se podan exhibir, e canto máis calor mellor. Cando lle dea un abatemento levarémolo á sanidade pública, que aquí é universal, ten o risco de que non haxa persoal sanitario porque a Xunta non soubo cubrir as vacacións.
Leira parking. Estamos na casa e non sei quen di: imos a Lapamán?. Contestei cun si. É unha praia que me gusta. Non fomos en todo o ano e van sendo hora de ir. O problema vai ser aparcar – dixen eu. Non te preocupes xa sabes que alí hai leiras-parking. Meu dito, meu feito. Chegamos a unha das leira-parking e hai un home á entrada para cobrar. O que ven agora é un dialogo de parvos, pero escribo tal como foi.
Boa tarde canto é? – Dígolle eu
Sonlle catro euros- contestoume o home
Moito subiu desde o ano pasado que custaba tres euros- repliqueille
Élle que as cousas suben, xa sabe, a inflación – dime o señoriño
Que suba, de qué? Si aquí non ten gastos!. Vostede está xubilado, seguro que non declara estes cartos e por riba dime que as cousas soben moito, a inflación no 2022 foi do 8,4% e vostede pegoulle unha suba do 33%, no o entendo - Contesteille eu
A min dáme igual o que me diga, ou pasa ou vaise- dime con cara de rirse de min - E veña, alixeirando que hai xente que quere entrar
Conclusión: este ano penso que non me bañarei en Lapamán. Marchei.
Prezos veraneantes. Meus sogros veraneaban sempre en Sanxenxo. Miña sogra vivira en Sanxenxo de pequena cando seu pai fora mestre alí. Veranear non é o mesmo que ser turista. Veranear é pasar o verán. Ir cando os nenos acaban a escola ata setembro que comeza o curso. Miña sogra coñecía, de sempre, ás pescantinas, ás da froita, ás da patacas e horta, ás dos ovos e galiñas. Sempre lle pasaba o mesmo cando comezaba xullo. Ía aos ovos o 29 de xuño e custaban 2 euros. Volvía a ir o día 2 de xullo e a mesma ducia custaba 3 euros. Miña sogra sempre preguntaba o mesmo e sempre recibía a mesma resposta. Subiron os ovos?, dicía ela. Veñen os veraneantes e hai que subilos, contestaba a outra.
Este ano déuseme por facer labor de campo e ir polas prazas de abastos de varias localidades turísticas. Podo dicir que non cambiou o conto. Seguen subindo os prezos, aínda que agora distinguín dúas datas. Unha a primeiros de xullo, suba pequena, e outra despois do día do Carme con suba grande ata finais de agosto.
Sumilleres ou sommeleires diletantes. Sei do labor que se leva feito na nosa terra para poñer en valor o viño e a súa cultura. Dos cursos de cata. Dos premios que as adegas levan pola calidade dos seus viños. Eu non son alleo a todo ese mundo xa que me gusta tomar viños. O problema xorde cando aparecen os que van de entendidos e estragan todo o labor feito. Este ano escoitei nun bar dúas frases para enmarcar, penso eu. A primeira foi: "Ponme un albariño con un hielito o dos". Non sei si quería o viño máis frío, con menos grao, ou que. Pregunteille a dona do bar polo feito e díxome que xa son moitos os que o piden así, ao principio ela dicíalles algo, agora, cansa e aburrida pasa. A outra frase enmarcada foi referente ao viño tinto. Non sei cal foi o primeiro "fodechinchos" que pediu o tinto frío. Agora en moitos sitios poñen os tintos a 7ºC. A frase foi: "este tinto está caliente", a camareira puxo a botella , na barra, a carón meu, toquei a botella, estaba tan fría que tampouco quero o branco así de frío. En fin.
Críticos gastronómicos. A aparición de programas e concursos, nas televisións, sobre a gastronomía fixeron, nalgúns casos, moito dano á restauración que fai as cousas ben. Si por riba xuntamos a facilidade que dan as redes para poñer a parir a quen nos cae mal, xa temos o caldo perfecto. Cando vou a un sitio no que non me gusta o que me serven, ou que penso que me tomaron o pelo, o que fago e chamar ao encargado ou encargada do local e dicirllo. E, seguramente, non volver. Este verán escoitei auténticas barbaridades de "cuñados" gastronómicos. Ameazas ao local sen sentido nuns casos e/ou loanzas noutros con menos sentido.
O derradeiro que presenciei foi a primeiros de mes en Betanzos. Andábamos por alí e déusenos por ir tomar unha tortilla. Ao noso carón dúas familias de "entendidos gastronómicos" do centro de España. "Esta es la famosa tortilla de Betanzos, vaya bazofía", dicía un. "Esta tortilla está sin terminar", replicaba outra. "Vaya porquería, está cruda", insistía un terceiro. Nós degustando a nosa tortilla, que dito sexa de paso estaba exquisita, e ao mesmo tempo aguantando a estes energúmenos que por riba teñen a maldita manía de falar en alto para que se saiba que están alí. Pero aínda non terminaron con iso. Non. "Vamos a poner a parir a estos en las redes", "No saben estos paletos como somos nosotros", "Venga escribir una crítica, cada uno una". Mencionaron unha plataforma de xantares cun nome parecido a tripas, que era na que eles escribían. Si alguén os chegara a ler, darían mostra da súa ignorancia. Non sabían que a tortilla de Betanzos é pouco feita. Que paciencia hai que ter para aguantar isto. Moi profesional o persoal da hostalería neste caso.
Seguro que vós tedes máis casos de estupideces de verán, eu intentei poñer os que máis sorprenderon este ano. Que pena que este tipo de xente escurece ao turismo bo e educado, que por sorte son maioría aínda que por iso se notan menos. Xa estamos en setembro, comezamos a aliviarnos dos "cuñados turísticos". Boa volta ao traballo.