Andrés Núñez Rajoy
Primeiras comuñóns ou vodas en miniatura
Vivo enfronte a igrexa da Virxe do Camiño. Fai uns días, na fin de semana había máis rebumbio do normal. A adro agora convertido en aparcadoiro cheo. As liñas amarelas todas ocupadas con coches, mesmo enriba da beiravía. En dobre ringleira máis coches. Destacaban varios coches de alta gama. Saín á rúa e vexo unha parella de coñecidos. Ían todos elegantes. Imos de primeira comuñón, dixéronme. Fixen referencia á súa elegancia e contáronme que agora as comuñóns son coma vodas.
Lémbrome da miña primeira comuñón na igrexa de Iria Flavia. Primeiro a preparación, catequese, pasar o exame do cura D. Juan. Impoñía a súa presenza, e si non sabías o catecismo non podías facer a comuñón. Ía con miña irmá. Na misa de oito do domingo, a inicio de primavera. Facía moito frío. Logo para a casa a tomar chocolate con churros cos nenos veciños. De regalo tivemos un medalla da Virxe do Carme para miña irmá e para min unha pluma estilográfica, cousa que aínda hoxe agradezo moito pois sigo escribindo con pluma. Logo a xogar cos amigos ata a hora de xantar. Logo volvía a ser un domingo normal. Ensinóuseme que a primeira comuñón é un ritual sacramental da Igrexa Católica no que os nenos e nenas participan por primeira vez na Eucaristía. Un acto familiar de crenza e de fe. Había que seguir indo os domingos á misa. Despois viña a confirmación. Co tempo deixei de crer, mais teño que recoñecer que esa educación tivo, e penso que aínda ten forte influenza na miña vida. A defensa dos débiles, a solidariedade, sempre estarán comigo. E estou certo que moito máis que moitos crentes e practicantes.
Volvín a lembrarme das palabras que me dixeran os coñecidos que ía ao ágape. Vodas. Fai anos que non me invitan a ningún acto deste tipo. Non por nada. Porque non cadrou. Pregunteille ás amizades e xente coñecida si tiñan algunha comuñón recente. E por sorte houbo varios que a resposta foi afirmativa. Á parte de coñecer de van as primeiras comuñóns de agora, tamén, como logo veremos, aprendín nomes asociados aos banquetes que eu descoñecía.
Do que me contaron saco, xa, unhas conclusións previas. Nestes actos teñen unha forte presión social. Hai moitos colexios concertados relixiosos que promoven este ambiente. Os colexios, hoxe, é un dos lugares onde máis socializan os nenos e nenas (para algúns os únicos). Isto leva a que o que non ten a festa non ten regalos. Pensa que xa non é normal e que o deixan fóra do grupo. Os pais aínda que sexan laicos renuncian á súa laicidade polo ambiente social en favor dos fillos. A gran conclusión previa é que é máis "postureo" dos pais que un acto sacramental. E tamén do dito: "o meu fillo non vai ser menos que o de...". Falando cun sacerdote amigo dime que ata a primeira comuñón vai toda a familia á igrexa, logo pouco a pouco deixan de asistir aos actos.
Dende aquel chocolate ata os grandes banquetes cambiou moito a cousa. Sei que hai moi honrosas excepcións que non fan este tipo malgasto. Tamén sei de quen sen poder se endebeda ata as orellas para ser coma os "outros".
O traxe. Os pais e nais, e sociedade do arredor visten aos nenos que antes ían de mariñeiros agora van de almirante de navío con mando en praza e ás nenas de princesas. Dende logo non deixa de ser un gasto importante para unha roupa que só se usa un día. Por riba levan complementos coma o libriño, o crucifixo, a coroa, a camisa, o cinto, as luvas de rede ou os zapatos. O peiteado agora xa non se fai na casa, polo menos no caso das nenas onde tamén se leva a decoración das uñas. Dinme que se está poñendo de moda, ao igual que nas vodas o cambio de traxe unha vez que termina o banquete. Non me imaxinaba que a roupa destes actos era tan cara ata que unha amiga e compañeira de profesión me confesou que lle mercou á súa filla, o ano pasado un vestido deseñado por Rosa Clará que pasaba dos mil euros. O custe dos traxes dos nenos é importante. Hai que engadirlle ao gasto da roupa dos nenos e nenas os traxes dos maiores. Papá e mamá teñen que estrear "modelito" senón que dirán de nós, e si nos estiramos os avós tamén.
O banquete. Está máis pensado na xente maior que nos rapaces. Temos aperitivos para os maiores e nenos. E dálle coitelo ao xamón. Veña marisco. E logo máis pratos. Falando con nenos e nenas dinme que eles pasaríano mellor cunhas pizzas. Tarta de primeira comuñón que xa nalgúns restaurantes se corta igual que nas vodas. Logo mentres os nenos e nenas xogan nos inchables barra libre para os maiores. O gasto entre 60 e 120€ polo que me din. O Candy Bar. Nova palabra que tiven que preguntar que era. Chamáronme parvo, mesmo ignorante xa que tamén é de uso común nas vodas. Nin máis nin menos que é unha "barra libre" de lambonadas, nomeadamente gominolas, colocadas dun xeito decorativo. Mesas con cupcakes e muffins (Son como magdalenas de cores de orixe americana e inglesa). Son para o desfrute dos rapaces mentres xogan e para os maiores están ca barra libre. Agora estase poñendo de moda o buscar unha finca "bonita" na que se podan meter inchables e demais divertimentos e levar un foodtruck. Si non sabes organizar o evento están aparecendo as figuras de "Communion Planner" que se encarga de todo.
Os complementos. Falamos de contratar inchables, pallasos ou un karaoke. Unha das persoas coa que falei faloume de que fora a un no que tiñan cunha discoteca móbil. Tamén as tarxetas e recordatorios de deseño. A reportaxe fotográfica e de vídeo. O Photocall ou calquera cousa que se saia do normal para destacar.
Os regalos xa non son o que eran. Tablets, consolas, patinetes eléctricos son comúns. O que máis quere a rapazada, que anda polos 10 anos é un móbil, se é o da mazá mellor. Ultimamente estase poñendo de moda o de regalar unha viaxe, ao igual que a viaxe de "lúa de mel" nas vodas pero a Disneyland ou Port Aventura. Esto seino porque son testemuña. Un fillo meu vive no concello onde está Port Aventura. A primeiros de xuño a miña neta cumpre anos. Teño por costume ir a visitala. Saio a andar pola rúa-estrada que vai de Vila-seca ata Salou e paso por diante do parque temático. Este ano, ían diante miña uns nenos e nenas, moi alporizados e con cara de contentos, cos que supoño eran os pais e nais. Tiñan un forte acento galego. Cando cheguei a súa altura pregunteille que facían por alí. A resposta é acaída para este artigo: "vamos a Port Aventura, somos de Vigo y estamos celebrando el regalo de la primera comunión"
A final as primeiras comuñóns de agora xa non son de chocolate con churros agora son case vodas pero con menos invitados, entre vinte e trinta invitados é o máis normais. Agora son un gasto importante. Para os invitados tampouco é unha "bicoca" a invitación a estes eventos. Facede números. A que saen moi altos? Coma vodas pequenas.
Paro aquí. Teño que facer unha transferencia que me invitaron a un bautizo e na tarxeta da invitación ven o número de conta. Como di o proverbio latino Tempora mutantur (Os tempos van cambiando).