Tribuna Viva
A Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro denuncia que unha roza no sendeiro urbano do río Bispo levou por diante unha plantación de árbores
O pasado mes de febreiro, podíamos ler na prensa un par de novas relacionadas cunha actividade realizada no sendeiro do Río Bispo en Bueu.
No Faro de Vigo o titular era: Plantación en el sendero del río Bispo de Bueu. No xornal dixital Pontevedra Viva falaban dunha Xornada inclusiva de plantación de árbores no sendeiro urbano do río Bispo de Bueu (15-02-2023).
Tamén dende a páxina web do Concello de Bueu falaban desta actividade, coas seguintes palabras: Case cincuenta nenos e nenas de 3º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra participaron nunha xornada de plantación de árbores organizada polo Concello de Bueu e impartida pola Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII. O alcalde de Bueu salienta que “esta actividade transmite moitos valores, como a integración social, o intercambio de coñecementos e a sensibilización”.
En Liboreiro alegrámonos pola noticia, xa que facía anos da proposta de membros da agrupación a varios concelleiros da corporación municipal, de facer unha plantación de árbores autóctonas nas beiras despoboadas do sendeiro dese río, sempre recibida con unha manifestación de conformidade, pero que non se materializara ata ese momento.
Este mes, dentro dunha saída de membros da agrupación para inventario da biodiversidade na beira do rego do Bispo, a nosa (desagradable) sorpresa foi ver que as beiras do paseo aparecían rozadas e sen a maioría das arbores que foran plantadas.
Topamos bastante contraditorio investir persoal e cartos (aínda que sexa unha inversión mínima) e mesmo publicitar unha plantación de árbores no mes de febreiro, e tan so catro meses despois, no mes de xuño, rozar as beiras do camiño arrasando as case 70 árbores da plantación. No tramo que vai dende o lavadoiro das Amieiras ata a fonte do Cura só observamos 8 arbores das que se plantaron, en concreto: un carballo (Quercus robur), un acivro (Ilex aquifolium), un pradairo (Acer pseudoplatanus), unha cerdeira (Prunus avium), un sanguiño (Fangula alnus) e tres maceiras (Malus domestica).
Non podemos deixar de preguntarnos que aprendizaxe pode quedarlles aos raparigos que tan contentos fixeron esa plantación, pensando quizais que poderían visitala en anos vindeiros, para compartir con amigos e familia esas árbores do país dando sombra ao río e os veciños que pasean polo sendeiro no centro urbano do concello.
Coñecemos o caso doutras plantacións feitas no Morrazo, promovidas por comunidades de montes, onde os cativos plantaban cadanseu árbore e, para favorecer o apego a esas árbores plantadas, aparte dun “titor”, cada planta levaba o nome de quen o plantara.
Cando se fai unha repoboación con árbores de pequeno porte, é entendible que cada un deles debería levar un pau para dirixir un correcto crecemento nos primeiros meses, e tamén para marcar a súa posición mentres non acaden un tamaño que os faga facilmente visibles (titor). Ningunha de esas arbores o tiña.
De feito, a maior parte delas, ao non telo, e ao non terse feito ningún tipo de traballo de mantemento para manter un pequeno espazo arredor delas libre de vexetación, estaban ocultas...
Vivimos nos tempos das aparencias e do chamado “greenwashing”, polo que parece máis importante o que sae na prensa e o que se publicita que a propia realidade. Pero en Liboreiro cremos que as administracións deberían ser exemplares e non caer nesas contradicións.
Polo menos, e aínda que estamos afeitos a desgustos, podemos engadir como unha pinga positiva, que este ano a poboación de Equisetum telmateia do mesmo sendeiro sobreviviu a febre da roza primaveral (este ano agravada pola febre electoral) que a arrasaba ano tras ano.
Beiras do sendeiro rozadas e sen árbores
Pradairo (foto esquerda) e Acivro que case non se ve polas herbas (foto da dereita)
Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro