Asociación galega de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna
A asociación galega de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna denuncia a varios centros de maiores
A asociación galega de familiares e usuarios de residencias, Vellez Digna, vén de denunciar ante as consellerías de Política Social e de Sanidade, a varias residencias dos grupos DomusVi e Ballesol, por incumprimento reiterado da obriga de ter enfermeira 24 horas, xa que se negan a cubrir as vacacións e baixas, provocando unha situación grave de desatención sanitaria, que conleva abandono e mesmo maltrato.
Poñemos como exemplo dous casos especialmente graves ocorridos en Ballesol de Poio e DomusVi de Pontevedra:
Na residencia Ballesol de Poio, un señor, José V. S que, tras unha caída o día 14 de xullo, se queixaba de fortes dores e era incapaz de andar, non foi derivado ao hospital (xa que non hai persoal que valore a situación e tome a decisión ) ate o día 20 pola tarde, tiña fractura de cadeira. Esta semana teñen previsto non ter ningunha enfermeira a ningunha hora.
Curiosamente este grupo presume de ter recibido hai pouco un premio do Consello Xeral de Enfermería, un Consello que devalúa e pon en dúbida seus premios ao outorgalos a grupos que se distinguen pola falla de enfermeiras.
Na residencia DomusVi de Pontevedra tamén están na mesma situación, o número de caídas que se rexistran por falla de persoal é importante e non hai enfermeiras para atendelos, tamén aquí se derivou varios días tarde a unha persoa ao hospital coa cadeira rota.
Nas residencias Domusvi de Aldán o Ribadumia están igualmente baixo mínimos de persoal, o médico só vén unha ou dúas horas ao día e non se cobren máis que unhas horas de enfermería. A pesar de ter casos de COVID na de Aldán.
Esta falla de persoal non afecta só aos sanitarios, senón tamén ao resto de persoal, incluído o persoal técnico como animadora, traballadora social o psicóloga e se dá de maneira xeralizada nas residencias galegas ante a inacción da consellería de Política Social, máis preocupada de esconder as carencias das residencias que de atallalas e sancionalas; Vellez Digna leva feitas ducias de denuncias ante a Xunta pola situación de falla de persoal sen que se sancionen estas ilegalidades.
Estamos nunha situación de alto risco para os anciáns, polas sucesivas ondas de calor, nunhas residencias onde a deshidratación está tan a orde do día como a falla de aire acondicionado, e a falla de persoal supón, ademais dunha ilegalidade que conleva maltrato e abandono, un incumprimento de contrato cos usuarios xa que lles cobran por uns servizos que non lles dan.
A Conselleira está sometida aos intereses das residencias, convertiu a inspección nun corpo inoperativo e abandona os usuarios coa mesma falta de humanidade que as propias residencias, preguntámonos para quen traballa esta muller; para os galegos non, de feito en casos tan graves como o de Mi Casa en Pazos de Borbén, coñecido en toda España, seguen sen persoal sanitario, con pésima alimentación e despertándonos ás 5 e 6 da mañá para asealos ou darlle o almorzo, rompéndolles sistematicamente o descanso e a Xunta o segue consentindo, como sempre fixo, e do suposto expediente aberto nada se sabe.
Instamos aos familiares dos usuarios das residencias, a preocuparse sobre se teñen ou non enfermeira as 24 horas, médico e demais persoal, a estar atentos ao benestar dos seus, a poñer reclamacións oficiais e mesmo levar a denuncia ao xulgado en caso de danos ao seu familiar interno, en caso de topar resistencia a entregar as follas de reclamacións (algo moi habitual) aconsellamos que non perdan o tempo discutindo e que chamen directamente á policía.
Para agravar a situación das residencias co tema das enfermeiras, DomusVi, un dos peores grupos de España, propón substituílas por traballadoras cun "tituliño sanitario" menos preparadas e con menor salario. Dado o poder que teñen na Consellería de Politica Social e o servilismo da conselleira ante eles, tememos que, despois de todo o sufrido nas residencias, a Xunta acceda a esas pretensións de empeorar os servizos e as cualificacións do persoal.
Asociación galega de familiares e usuarios de residencias, Vellez Digna