Marta Rodríguez Engroba
Hipocrisía, hipocrisía e máis hipocrisía
Pero ese sería outro debate. A o que ía.
O caso é que, por mor desa temporal desconexión non cheguei a ver unha publicación que, hai un par de días, alguén me fixo chegar, pensando que me interesaría, como así foi, malia que me revolveu por dentro de pura carraxe, teño que admitilo, da que xa me fixen eco nese mesmo foro, e que non podo deixar de mencionar, porque é unha mostra da grande, da enorme mentira, da hipocrisía que é realmente esa suposta concienciación que tanto se afanan en vendernos que existe no que atinxe a violencia de xénero.
Nesa publicación, alguén contaba con todo luxo de detalles unha agresión machista, na que, para máis desgraza, tamén se vía implicado un menor, un bebé, concretamente.
Esa agresión, que, parece ser, comezou cunha lea na rúa, seguiu cunha brutal malleira a muller no domicilio, que unha veciña presenciou minuto a minuto desde a súa fiestra, e a que, ante unha mención, así de pasada, a policía, o seu home lle dixo que o esquecese, que non se metese, que xa habería alguén que a chamase, porque, de facelo, despois todo eran complicacións, que esas eran cousas de parella, e que, ollo, aquí ven o mellor! a vítima tamén tiña culpa, porque onde se vira que unha muller nova coma ela aturase que el a maltratase así e que, ademais, a saber o que lle fixera ela para que el actuara dun xeito tan brutal, así que a boa samaritana seguiu mirando desde a fiestra, tranquilamente, mentres preparaba o xantar, coma se fose unha película ou unha serie desas que nos poñen a primeira hora da tarde e que convidan a siesta, sen facer nada, pero coidándose despois, iso si, de contar o acontecido a cantos a quixeron escoitar.
Para iso non hai medo ás complicacións, e de algo hai que falar, non si?
Pero non foi a única, nin ela nin o seu "prudente" marido, en escoitar os berros da muller agredida, nin os golpes que estaba a levar.
Moita xente da veciñanza o fixo, moita xente que escoitou, e mesmo ollou desde as súas respectivas fiestras, pero ninguén, absolutamente ninguén, fixo nada, agás, por suposto, que íso é sagrado, comentalo co resto do "solidario foro" e consternarse, consternarse moito, que para iso teñen un corazón grande, inmenso… ah!, e o máis importante, que non se me esqueza, publicalo no Facebook, como é de rigor, que o Facebook todo o arranxa, e queda como Dios, e perdoádeme a expresión, amosar a indignación e esa dor tan grande que sinten sentadiñas no sofá, tranquilamente, mentres descoñecen por completo a sorte que correron a súa veciña e o seu meniño, e sen que lles importe o máis mínimo, obviamente, namentres un maltratador segue impune, máis encoraxado cada vez, grazas a esa impunidade que ese público que tanto está a sufrir lle proporciona.
Naturalmente, as reaccións na rede non se fixeron agardar.
De novo moita consternación, moita indignación, moita dor, corazóns rachados, seica… pero, unha vez máis, ninguén fixo nada.
O máis curioso é que algunhas das máis indignadas, mesmo algunha que se autodenomina activista na loita contra a violencia machista e decide quen o é e quen non, segundo a súa particular escala de valores, estaban, hai un ano, vibrando enardecidas na defensa desa presunta vítima, famosa, iso si, hai que telo en conta, que iso puntúa, que hoxe segue a facer caixa, expoñendo, despois das súas presuntas miserias, as dos seus fillos, as dos seus pais, os seus irmáns…, e todos e todas as integrantes do seu indigno clan, vivos ou mortos, tanto ten, que, ademais dela mesma, por suposto, seguen lucrándose dese filón que comezou utilizando a violencia de xénero sen escrúpulos, e o mesmo fan con canto caso acada sona mediática.
Agora ben, a cousa cambia radicalmente cando a vítima está ao outro lado da parede, ou no edificio fronte o seu, e realmente poden actuar e axudar a salvar unha vida, ou dúas, coma neste terrible caso.
Se aínda fora 25N ou 8M, e axudara a saír na foto, pero así, a pao seco...!
Nin siquera se tomaron a molestia de levantar o teléfono e chamar a policía, porque, ollo, que isto é para nota!, moitos deles alegan, entre outros motivos, que non sabían onde debían dirixirse, a quen chamar… Non sei, a Tele Pizza, tal vez?
Ou, mellor aínda, como non se lles ocorriría chamar a esa canle de televisión que tanto axuda na loita contra a violencia de xénero, da que pasaron, de denostar, a ser fieis seguidoras, e que, axudar non sei, é dubidoso, pero que lle ían sacar partido á desgraza desa muller e dese bebé, iso, seguro?
Nin que dicir ten que, visto o visto, todos eses consternados e consternadas, descoñecen o que é o delito de omisión de socorro e que todos e cada un de nós temos a obriga, ante o coñecemento ou a sospeita de que se está a cometer un delito, neste caso de violencia de xénero, temos a obriga de dar parte del.
Pouco máis se pode dicir.
Tan só que esta é unha mostra do que agocha a tan traída e levada loita contra a violencia de xénero.
Interesa se hai negocio, do contrario, a sociedade é xorda, cega e muda. En definitiva, hipocrisía, hipocrisía, e máis hipocrisía.
Asociación Si, hai saída