Marta Rodríguez Engroba
Unha vez máis o uniforme é cómplice
Cada vez me custa máis conter a carraxe, a impotencia, os desexos de berrar que xa abonda.
Cada vez teño mais claro que, neste país noso, o país dos sepulcros branqueados, do fariseísmo, non soamente non imos mellorar, se non que nos iremos mergullando cada vez máis e máis no lixo moral que é o negocio de moitos e de moitas.
Para tentar explicar o que estou a sentir, e por poñer tan só algúns dos exemplos máis recentes, vou a remitirme a a algúns dos casos relacionados coa violencia machista nos que, ultimamente, se viron implicados integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en distintos puntos de España.
Desde o pasado mes de Marzo no que a Comisaria Provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma, "feminista convencida", seica, fora destituída despois de que transcenderan unhas gravacións nas que, segundo ela, a máis dunha nos gustaría ter sido violada por un antidisturbios, tivemos coñecemento da detención dun policía nacional de Ibiza por presuntos abusos sexuais.
Do asasinato dunha muller en Ceuta coma resultado dos disparos feitos polo seu marido, policía local.
Un policía de Madrid agrediu a súa ex muller diante do colexio no que estudaba a filla de ambos.
Un militar foi condenado por amosar mensaxes da súa ex muller e dicir que "zorreaba" .
Un mosso d’squadra, para o cal a Fiscalía pedía 7 anos de prisión, espiaba a súa ex parella servíndose da base de datos policial.
Un policía en busca e captura desde novembro, condenado por violencia de xénero, foi detido, sen tempo non era!, no mes de marzo, etc, etc, etc.
Esta semana foi a quenda de dous policías de Estepona, acusados de abusar sexualmente dunha moza de 18 anos, para os cales a Fiscalía, considerando que se trataba dunha agresión sexual, pedía 30 anos de prisión, e que viron a súa condena rebaixada a 2 anos de cárcere, na que non chegarán a ingresar, despois de aceptar participar nun programa de educación sexual, indemnizar a vítima con 80.000€ e non achegarse a ela por un período de 10 anos, ademais da inhabilitación para exercer un emprego ou cargo público.
Todo isto por mor dun acordo entre ambas partes, polo que xa non se chegou a celebrar o xuízo, estimando o xuíz que existía unha escasa posibilidade de que reincidiran, habida conta, ademais, de que, tras a conformidade entre ambas partes, nada se pode facer.
A orixe desta agresión produciuse despois de que ambos axentes, estando de servizo, pararon, nun control, o vehículo no que viaxaba a rapaza, tras o cal, e dispoñendo dos seus datos, se presentaron, no coche particular dun deles, no piso no que ela se encontraba, no cal a abordaron, soltando barbaridades como preguntarlle como se empeza una orxía, ou cantas rapazas quixeran estar no seu lugar e liarse con dous policías á vez, para, acto seguido, abusar dela... Pouco máis se pode engadir.
Pola súa banda, e malia esta "condena light", que cheira a podre desde moi lonxe, o Presidente da Sección Oitava da Audiencia Provincial de Málaga estima que existe, e cito textualmente, "Acusada perigosidade criminal nos autores", ademais de considerar que foi a súa unha acción moi planificada, valéndose, ademais, da súa condición de servidores públicos.
Non esquezamos, ademais, as mulleres que, malia ter os seus maltratadores unha orde de afastamento, foron agredidas ou mesmo asasinadas por non contar co seguimento e a protección policial a que tiñan dereito ou por ter desactivada, pola súa conta e risco, os policías que o consideraron oportuno, as respectivas alertas no sistema VioGén no que estaban incluídas, deixándoas nunha situación de total indefensión.
Aínda non queda claro que temos un gravisimo problema no seo das FCSE?
Ata cando se vai seguir ollando a outro lado, ignorando a realidade?
Son moitos os anos nos que, desde Si, hai saída vimos demandando que se teñan en consideración unhas eivas que, guste ou non admitilo, existen, e que están custando vidas, que as institucións o están permitindo, facilitando, que, como adoitamos dicir, o raposo cuide das galiñas.
A solución non pasa, por afastar delas a quen dá a voz de alarma, como nos está a suceder a nós desde hai tempo.
Matar o mensaxeiro nada arranxa.
Pola contra, pode axudar, e de feito o fai, a agredir, a matar, a converterse en cómplice dos que son os executores materiais, si, pero coa súa axuda.
Isto non é unha guerra, nin tampouco unha campaña de desprestixio contra estas institucións, porque, obviamente, como en todos os eidos da vida, no que a estas atinxe, nin todo é malo, nin todo é bo, pero é obvio que existe unha porcentaxe considerablemente elevada de algo moi feo, moi sucio, e moi perigoso dentro delas.
Que o uniforme non converte, xa non en santos, que non se trata disto, se non en persoas de ben, a aqueles que traen a maldade mais desapiadada no seu interior, e que as institucións corresponde tentar adaptarse a esta circunstancia e deixar de lado os seus criterios obsoletos e claramente ineficaces a hora de detectar a esta clase de animalias, se é que se tenta detectalas, algo que, francamente, a estas alturas, xa é algo máis que dubidoso.
Tentar tapar o que é obvio, non soamente non lles impide desprestixiarse, se non que contribúe a aumentar ese desprestixio e a restarlles credibilidade.
Así mesmo, que máis ten que pasar para que o Ministerio de Igualdade tome conciencia da situación real, e de que, antes de seguir dilapidando miles e miles de euros, ten que coller, dunha vez por todas, o touro polos cornos, sentarse a dialogar con quen corresponde, e esixir solucións, e non seguir actuando coma auténticas inconscientes?
Que sucede para que, ante un problema perfectamente identificado todo o mundo peche os ollos e finxa que non existe?
É lamentable, moi lamentable, que representantes daqueles colectivos que se supón deberían protexernos, velar pola nosa seguridade, se convertan, ás veces, nos nosos maiores inimigos, pero, por desgraza, en moitas ocasións, en demasiadas, os uniformes chegan a ser cómplices da barbarie, desacreditando por completo as institucións ás que representan, malia que semelle que a ninguén lle importe, incluídas as propias institucións.
Non querer admitilo, é outra cuestión, e ben grave.
Asociación Si, hai saída