Ainhoa Fervenza Celestino
Tribunas, liturxias e predicamentos
Hai temas que aféctannos mais a unhas que a outros. A abolición do dereito ao aborto en EEUU tenme totalmente descolocada. Pola rapidez de movemento, polo calado tan profundo da regresión pero sobre todo polo feito de que a sociedade non se teña levantado na súa totalidade en contra. Iso é o que me ten perplexa.
O retroceso neste dereito ten tantos fíos unidos todos no mesmo núcleo da democracia, que da medo pensar como é posible que nun pechar e abrir de ollos, e de todo o que se leva loitado, poidamos perder dereitos que supoñen un avance tan importante para a sociedade, xa non falo da muller, senón da sociedade en conxunto.
Pero o que mais me impacta é o xeito en que unha sociedade avanzada foi capaz de deixar chegar a presidencia a unha persoa cun carácter megalómano, egocéntrico e con aires de emperador divino. Porque iso foi a orixe da perda dun baluarte do progreso en dereitos das últimas décadas.
Pensaba escribir sobre este tema xa fai uns días, pero hoxe aconteceu algo significativo que me empurrou definitivamente, as veces pasan estas cousas.
Na cerimonia na honra da Virxe do Carme, nunha das nosas parroquias, o crego mesturou varios conceptos que probablemente noutro momento houbese pasado por alto coma un exabrupto ou licencia que se permiten dende a súa tribuna; pero neste caso espertou as miñas sinais de alarma.
Dubidei de si debo ou non escribir este artigo, por aquelo de respectar algúns límites relixiosos, ou non romper a “harmonía existente” pero creo que moito do que pasou en EEUU foi precisamente porque moitos e moitas dubidaron de si dicir ou non o que crían que non estaba ben, ou dubidaron en defender con mais fervor o que consideraban necesario.
Pois ben, o párroco comezou a falar do aborto. Quixo defender a idea do dereito a vida, do natural (seguindo as súas crenzas) ata que o argumento seguiu medrando e implicou o goberno como parte negativa xa que non respecta os dereitos naturais, permitindo leis de cambio de xénero, ou non respectando o dereito a vida, e rematou cunhas verbas que penso que foron estas exactamente: “los que había que haber abortado antes de nacer son los que están en el gobierno”.
A min dáme moito para debullar.
As mensaxes que se envían a un auditorio, sexan nu acto litúrxico, nun mitin, ou nun congreso teñen que ter unha corresponsabilidade para quen os emite pero tamén para quen os oe.
Oír tamaña barbaridade a unha persoa que ten unha responsabilidade e non dicir nada se me antolla enxordecedor. Non hai eximentes para algo así, nin o feito de que sexa maior, home e crego lle conceden unha “bula” superior para desexarlle a ninguén que non nacera, para mais inri soamente llo desexa precisamente a quen o permite, os que pensan distinto ca el.
Podería non ter escrito este artigo, pero e que eu quero durmir coa cabeza tranquila pola noite.
Ainhoa Fervenza Celestino