Tribuna Viva
Comunicado de A rente do Chan-PLADEVER sobre alternativas para o abastecemento de auga a Vigo e comarca
Emitimos este comunicado atendendo ao divulgado hoxe na prensa en relación ao estudo de alternativas para o abastecemento de auga a Vigo e comarca. Neste estudo propóñense tres alternativas: un novo encoro en Forzáns no Río Oitavén, o transvasamento de auga do Río Verdugo ao encoro de Eiras e o bombeo de auga do Río Miño.
Queremos manifestar a nosa máis profunda preocupación pola superficialidade e iresponsabilidade coa que se pretenden xustificar estes graves atentados contra a natureza.
A seca do 2017 evidenciou que Vigo e comarca teñen un problema coa xestión da auga para uso domiciliario. Aquela crise, orixinou a idea imaxinaria, en particular no Alcalde de Vigo, que levar auga da bacía do Verdugo-Oitavén era a solución. Os estudos e análises feitos por Arente Do Chan-PLADEVER evidenciaron outras realidades que seguen vixentes a día de hoxe.
A primeira e máis evidente, igual por iso non se ve, é que os caudais que alimentan ao encoro de Eiras son do Río Oitavén, curso fluvial co mesmo réxime de augas que o Río Verdugo. Así que se hai seca non parece boa idea buscar alternativas na mesma fonte. Por definición, a bacía da que falamos ten un réxime técnicamente denominado "inmoderado". Saquen conclusións.
Naquel estudo evidenciouse tamén outro gran problema para esta estratexia: os caudais ecolóxicos, que non se esqueza, son obrigatorios por lei, e xa daquela non se cumprirían de chegar a facerse o dito transvasamento. O Río Verdugo tiña daquela un caudal inferior a 900 l/h. Tamén resulta evidente que perante futuros e novos episodios de seca prolongada, non se podería respetar o caudal ecolóxico mínimo obrigatorio. Este caudal debería fluir polo río.
A xestión da auga de abastecemento na comarca de Vigo ten unha serie de problemas sen solucionar demasiado profundos para poder estar lanzando este tipo de alternativas así tan frívolamente.
A potabilizadora do Casal segue sen estar rematada. Xa na crise do 2017 destapouse o feito de que o principal problema con respecto ao subministro, máis que de cantidade de auga era da potabilidade da mesma. Lembren que Eiras non baixou do 40% da súa capacidade. Xenerouse moito debate político en prensa. O certo é que a auga que consumía a poboación era de pésima calidade.
As perdas de auga no sistema de abastecemento. A falta de modernización e informatización por sectores para controlalas en tempo real, fai que poidamos dar por feito unhas perdas no entorno do 30%. Isto é completamente inadmisible. A lexislación fala duns máximos de 10% e por experiencias doutras cidades e moi posible baixar do 5%.
O control de consumos durante os estados de prealerta ou alerta por seca foron inexistentes en Vigo. Mentres continuaban regando flores e baldeando beirarrúas con auga potable na cidade, a maioría dos pobos de Fornelos, A Lama, Ponte Caldelas estaban con restriccións severas. Non hai un protocolo en Vigo para secas. Ou non se aplica. A cidade ten que ser solidaria coas persoas e co medio ambiente que a rodea e adaptarse a situación.
A xestión actual omite todos os principios da tan vixente economía circular. Son moi poucas as iniciativas orientadas a redución dos consumos, non hai instalacións orientadas a captación de auga para a súa reutilización en regos e baldeos das rúas, o sistema actual de facturación non grava o consumo en exceso...en definitiva, levar a xestión da auga en Vigo ó século XXI baixo os paradigmas da chamada "Nova Cultura da Auga" e da Directiva Marco da Auga Europea. Os nosos ecosistemas naturais non poden máis co despilfarro. A saída cara a aumentar a cantidade de auga non é a solución por que non é o problema.
O estudio promovido polo Alcalde de Vigo, e realizado pola empresa de Enxeñería PROINTEC, adicada a infraestruturas maiores, non aborda os problemas da demanda de auga xa que non son da súa incumbencia nen dos seus intereses. O que sí contempla é como aumentar o subministros con obras de infraestruturas por valor de 28M de Euros. Erro de base. Demandamos en definitiva unha auditoría que faga público todo o ciclo da auga en Vigo e comarca buscando solucións que non danen os nosos ríos e a natureza que da vida as urbes que a rodean, antes de gastar os cartos en búsquedas de solucións completamente obsoletas e anacrónicas. Fagan que Vigo e comarca teña unha xestión da auga A++, como as lavadoras, e se poderá demostrar que non fai falta máis cantidade de auga, senón mellor xestión.
Este comunicado foi promovido pola Asociación Arente do Chan-PLADEVER e se suman os seguintes grupos ou asociacións ecoloxistas:
AEMS-Rios con Vida
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
SOS-Suído-Seixo.
Federación Galiza Ecoloxistas en Acción.
Petón do Lobo