Tribuna Viva
O sistema XIDE: de ser unha gran oportunidade a convertirse nun perigo para pacientes e profesionais
Ao longo das últimas semanas, as organizacións colexiais de enfermería das catro provincias galegas, xunto con AGEFEC (Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria), manifestáronlle á consellería de Sanidade e ao seu titular, D. Julio García Comesaña, a súa preocupación tras detectar irregularidades na pilotaxe do sistema XIDE do Sergas para a Atención Primaria, con graves consecuencias para a profesión enfermeira pero tamén, e máis importante, para os nosos pacientes e a poboación galega en xeral.
O sistema XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) é a nova proposta da consellería de Sanidade para a ordenación da demanda nos centros de Atención Primaria na nosa comunidade. Un proxecto que orixinariamente representaba unha gran oportunidade para mellorar este nivel asistencial, pero que finalmente rematou sendo un novo agravio do conselleiro de Sanidade, D. Julio García Comesaña, á nosa profesión.
Este proxecto tiña por meta ordenar a demanda e derivar así aos pacientes aos profesionais máis axeitados e nos tempos aconsellados. Deste xeito, tamén se dispoñía que o XIDE tivera dúas fases piloto antes da súa implantación, pero finalmente só se fixo unha, levada a cabo nos centros de saúde de Culleredo (A Coruña) e Illas Canarias (Lugo). A cuestión agrávase cando observamos que estes dous centros se atopan en núcleos urbanos e non representan a heteroxeneidade da nosa Atención Primaria; Ourense, por exemplo, conta con máis de trinta centros unitarios en entornos rurais cuxa realidade dista moito daquela que presentan os pilotados.
Un dos principais obxectivos do XIDE era optimizar as competencias de cada profesional á hora de dar resposta ás demandas da poboación, mais moitos dos problemas de consulta que as enfermeiras poden resolver como finalistas carecen de protocolos nos que se unifiquen os criterios de atención e derivación a outros profesional ou nivel asistencial, ante casos moi heteroxéneos. Poñamos dous exemplos:
Caso 1. Se un paciente leva un golpe na cabeza, o XIDE establece que debe ser a enfermeira a profesional sanitaria que o atenda. Se este paciente está a tratamento con Sintrom, debe ser trasladado a Urxencias para que se lle realice un TAC. Pero, coa ausencia de protocolos, precísase unha valoración médica para o seu traslado. Polo tanto, con este paso adicional na asistencia sanitaria, retrásanse á atención ao doente e a derivación, cando un dos obxectivos deste programa era precisamente reducir estes tempos. Deste xeito a enfermeira continua sen ser finalista e sen desenvolver o 100% das súas competencias.
Caso 2. Outro exemplo que evidencia que este sistema se atopa aínda nunha fase primitiva, e que non pode ser polo tanto implantado, ocorre cando se achega ao centro de saúde unha persoa cun corpo estraño no ollo. Este tipo de doenza, segundo o XIDE, derívase á consulta da enfermeira, pero non temos protocolo de actuación e tampouco as ferramentas necesarias, como un oftalmoscopio, para atender ao paciente.
As nosas inquedanzas xa foron trasladadas nas reunións celebradas polo Consello Técnico de Atención Primaria no transcurso do desenvolvemento do plan. Nas últimas semanas mantivemos, como sempre temos feito, o noso ofrecemento para traballar de forma conxunta e tentar así atopar solucións acordes aos intereses de todas as partes antes de seguir adiante co XIDE. Lamentablemente, a resposta que recibimos esta semana por parte da consellería e do seu titular foi implantar este defectuoso programa nos centros de saúde de As Pontes e Pontedeume, na área sanitaria de Ferrol.
Os colexios profesionais e asociacións de enfermería non podemos quedar calados ante esta irresponsabilidade, pois a nosa función é protexer ás enfermeiras e garantizarlles unhas condicións de traballo dignas, como tamén o é defender sempre a seguridade de todos os cidadáns.
Organizacións colexiais de enfermería das catro provincias galegas xunto con AGEFEC (Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria)