Antón Roel Villanueva
Non sen a miña boneca
Que facer cando os corvos exterminan ás pombas da paz?, que facer cando vemos as imaxes que nos desgarran a ialma dunha nai con dous nenos as costas que ten que fuxir axiña do seu edificio que esta sendo bombardeado sen poder levar nada, nunha cuneta con frío e neve, nunha fuxida a ningunha parte?, como explicarlle a súa filliña de tres anos chorando por non poder ter con ela á súa boneca que á súa nai non lle deu tempo a coller?.
Que facer cando ao pai non o deixan fuxir con eles pois din que ten que defender ao seu país? El que nunca tivo unha arma e agora atópase cun fusil nas mans sen saber que facer con el, pensando con tristeza e bágoas no rostro se volverá ver á súa familia e que vai ser dos seus filliños.
Que facer cando desde a xanela dun edificio uns avós cos ollos cheos de bágoas ven como foxen a súa filla e as súas netiñas queridas sen poder facer nada. Eles xa non están para fuxir e esperan á súa sorte e dunha lata de doce de marmelo que xa tiñan esquecida sacan as vellas fotografías en branco e negro doutro tempo que xa pensaban non volvería. Cando eles coa filla ás costas fuxían doutra guerra esquecida no tempo. Crendo que non volverían vivilo outra vez.
Alí, sós, collidos das mans volven outra vez vivir o pesadelo do odio e o terror doutra guerra, de bombas que matan primaveras, de sirenas de alerta, de refuxios de ataques aéreos, fame e fogares destruídos, e filas de homes, mulleres e nenos durmindo nunha cuneta, nun leito de cartón cun teito de estrelas .
Atrás quedan os avós agora que pensaban nunha vellez feliz, coa esperanza de que todo sexa un mal soño.
Que facer cando nunha aldea de trinta lumes, na Rusia profunda, uns pais esperan nun aeroporto militar a chegada do seu fillo recruta que marchou feliz? Era a primeira vez que saía da aldea, a unhas manobras militares dixéronlle e agora devólvenllo nun cadaleito de chumbo cunha coroa de loureiro que xa se murchou.
Que facer cando a poboación rusa sen saber por que está sufrindo privacións polo bloqueo? Aos oligarcas e poderosos non lles vai a afectar pois a eles nada lles vai a faltar.
Que facer agora nós aquí na tranquilidade das nosas casas, as mesmas que tiñan os ucraínos hai uns días?
Neste momento, cando florecen as cerdeiras, só nos queda a solidariedade xa que o que dicía o poeta de que “a poesía é unha arma cargada de futuro” a Ucraína chegou tarde.
Unha loaira, que é unha raiola de luz que sae nun ceo anubrado, descobre un chisco de felicidade efémera, cando a Sinfónica de Kiev sae á rúa para tocar o Himno da Alegría e unha nena canta no metro onde dormen a canción de Frozen.
Oxalá aínda haxa esperanza para a paz e a música faga calar as bombas.