Mar Seaxá
Poñernos a parir
É tempo de eleccións e nótase. Logo de que o único deputado do BNG conseguira en Madrid o que outros non puideron ou non souberon conseguir en anos, comezou o descontrol. Non nos baixan a peaxe das autopistas, pero vannos poñer a parir a todas, sen excepción. Aproveitando que é tempo de rebaixas, os que pensan na Xunta (xa sei... pero algún terá que ter ese nome...) decidiron que ían subvencionar as garderías. Pero non ás mulleres que soio teñan un fillo, a esas non. Ás que teñan de dous ata o infinito e máis alá. Veña, a parir, mulleres!
Que está moi ben iso de repoboar Galiza, niso xa temos moita experiencia, mirade senón os eucaliptos que hai nos nosos montes. De aquí a uns anos haberá tantos nenos coma eucaliptos, de seguro. Espero que sexa porque prohiban prantar esas árbores e arranquen os que hai, e non porque nos enganen coa marabilla das guarderías para o segundo e sucesivos nenos. Acho que as galegas temos máis cabeciña que a que ten o lumbreras das garderías.
De verdade creen que nos imos a parir coma tolas porque o segundo fillo teña a gardería gratis? Haberá que ter fillos a setenta quilómetros da nosa casa? Porque ben que pouco lles importa mandar a unha muller a parir a máis dunha hora de onde viven. Hai que agradecerlles que a dilatación a pasen nun coche. Onde vai parar, iso é moito máis emocionante e divertido porque irá vendo a paisaxe e as dores case nin se notarán. De seguro que cando cheguen ao hospital xa se lle verá a cabeza ao neno e vai ser entrar no paritorio e todo rematado en dez minutos. Tamén pode pasar que o neno naza no coche, de camiño ao hospital. Nese caso, unha unidade móbil da TVG preparada para a ocasión daranos unha nova amábel do nacemento. Un plan que de seguro non rexeitará ningunha muller, non tódolos días sae unha na tele co seu recén envolto na camisa do seu home e co cordón umbilical atado cunha goma do pelo. Cun pouco de sorte, Feijoo será o padriño.
Teño que dicir que eu xa teño dúas fillas, unha nena e un neno; dous cans e un marido. Xa cumprín coa sociedade e por min non vai ser que Galiza quede baleira. Agora a ver se a alguén se lle ocorre como pode facer a miña filla para que volte de Dublín e poida traballar no noso país. Ou a ver se a convencen para veña a parir eiquí, polo menos. Que a gardería está de rebaixas, dous por un. Veña, nenas, que se nos acaban!