Tribuna Viva
Bonificacións IBI Sanxenxo
Despois de que a asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo solicitara o estudo e aprobación de bonificacións fiscais no IBI, varias veces tanto por rexistro, aos distintos gobernos do concello desde o 2014, e incluso en xuntanzas mantidas grupo por grupo; neste último pleno ven de aprobarse unhas cuantas por imposición por parte da Xunta para poder ter acceso a unha serie de axudas. Estas axudas en concreto están pensadas para fomentar e impulsar a creación de emprego e empresas dun polígono industrial que non existe, e que polo tanto, apenas terán repercusión nas arcas do concello. En definitiva, só unha mísera parte dos habitantes do concello se poderán acoller ás mesmas.
É triste, que unha vez que o plan de axuste foi modificado, prevalecese o feito, por exemplo, de subvencionar aos grupos políticos e, sen embargo, non se teña en conta a posibilidade de aplicar bonificacións para aquelas persoas máis desfavorecidas económicamente, nin para as que avogan por enerxías renovables, nin para aquelas zonas nas que non existen todos os servizos propios de zona urbana, coa finalidade de que o imposto cumpra os principios de capacidade económica e proporcionalidade.
Lembremos que no documento presentado no concello xa a finais do ano 2016, plantexabamos bonificacións no IBI para os inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construcción e promoción inmobiliaria, para as Vivendas de Protección Oficial (VPO), para vivendas de aluguer social, que se regulen en función de rendas por persoa e non por ingresos por familia as que xa existen para familias numerosas , para Cooperativas, para o sector Primario, por inicio de actividade, para inmobles nos que se instalen sistemas de aproveitamento de enerxía solar, para empresas e empresarios (autónomos) por creación de emprego, para zonas carentes de servizos básicos municipais, e para bens inmobles (solo ou terreo) que non se consideren solares por incumprimento das ordenanzas urbanísticas do concello.
Non perdemos a esperanza, que tal como lle solicitamos en reiteradas ocasións ao órgano de goberno do concello, de que se leve a cabo a reunión que esta asociación ten solicitada desde hai cerca dun ano, e realmente gobernen para o ben dos veciños e non do seus petos.