Marta Rodríguez Engroba
De novo din que nos protexen. De novo nos minten
Cando aínda estaba tentando dixerir (algo imposible, por moito que o intente) os asasinatos de dúas mulleres vítimas de violencia de xénero a pasada fin de semana e o dun ancián que tentaba defender a súa neta do maltratador que fora parella da súa nai, cualificada como vítima de alto risco, malia o cal o seu maltratador estaba en liberdade, chegaron ás miñas mans as, coma case sempre, optimistas cifras que sobre tan tremenda lacra nos proporcionaba hai uns días o Observatorio de CGPJ, que destacan, entre outros "avances", o aumento do número de denuncias, o incremento de condeas aos maltratadores, así como o descenso do número de mulleres que se acollen ao seu dereito de non declarar.
Ante estas manifestacións tal vez poderíamos chegar a concebir a esperanza de que as cousas están a mellorar e que este atroz feminicidio que tantas vidas se leva xa cobrado pode chegar, senón a rematar, si polo menos a diminuir, algo que as persoas alleas a este ámbito non teñen por que dubidar, pero que as propias vítimas, e cantos traballamos con elas, sabemos que é unha mentira máis das moitas que se contan e que no eido da violencia machista, e en particular no que atinxe a prevención da mesma, así como a protección das mulleres que están a sufrila, non soamente non se progresa, senón que o retroceso que estamos a vivir é notable e sumamente perigoso.
A violencia de xénero non é algo que xurdira recentemente, iso por descontado. Sempre existiu, dun xeito, iso si, máis agochado, máis calado.
Co paso do tempo, foi facéndose mais visible, o cal xerou, con toda lóxica, esperanzas de que isto redundaría nunha maior implicación da sociedade en xeral, das institucións e de todos cantos dun ou doutro xeito teñen atribucións ou responsabilidades nela, para loitar contra o seu azoute, e, tanto ou máis importante, para previla e, porén, salvar vidas.
Nada máis lonxe da realidade. A violencia machista non se viu, nin se está a ver, como se prevía, paliada. Pola contra, foi gañando terreo, facéndose un sitio na sociedade, nunha sociedade aínda moi machista e caracterizada tamén pola súa hipocresía e pola indiferenza ante toda dor que non nos toque directamente, e asentándose nela con tal arraigo que a barbarie, a brutalidade que mata mulleres case cada día está, por duro que soe, practicamente normalizada e asumida como algo que ten que acontecer, e que non preocupa máis alá das conversas de bar, dos minutos de silencio ou das declaracións diante dunha cámara ou dun micrófono, dos políticos de turno ou deses veciños que a posteriori, despois de cada asasinato machista, nos contan o sorprendidos que están, a boa persoa que era o asasino, e nos dín eso tan manido de "sempre saúdaba".
Tampouco o capítulo da prevención escapa aos efectos desta normalización, e, malia ser moi nomeada, ou máis ben diría publicitada, a súa aplicación real e moi escasa ou practicamente inexistente.
Un bó exemplo disto é o que ocorre cando unha muller está a sufrir maltrato psicolóxico.
Se lles repite ata a saciedade que, ante os primeiros sinais, (control excesivo, insultos, descualificacións, ameazas, etc, etc) non dubiden en pedir axuda e que acudan a denunciar.
Cando se deciden a facelo, despois do tremendo esforzo, case sobrehumano, que para elas implica, a realidade coa que se van a atopar non pode ser máis decepcionante e mais disuasoria de seguir adiante con calquera futura medida que lle permita sair da súa dolorosa e previsiblemente perigosa situación. Porque todo iso que a ela a está minando día a día, que hai xa tempo que matou a súa autoestima, que lle está quitando o desexo de seguir adiante, de vivir, non sirve de nada para quen lle pide evidencias, para esa lei ou os seus representantes que necesitan, dín, algo tanxible para tomar medidas, para levar a cabo esa prevención que semella ser unha lenda urbana, da que todo o mundo fala, pero da que ninguén ten a constatación da súa existencia.
Soamente se reacciona ante feitos consumados, cando xa é demasiado tarde, e a muller que pediu axuda, que avisou de que estaba en perigo, que pregou protección, é agredida ou, peor aínda, un nome máis na macabra lista das mulleres asasinadas por mor da violencia de xénero.
Tampouco a muller que acude a denunciar o acoso mais ou menos velado, as olladas ameazantes, as mensaxes insultantes, corre mellor sorte. Din que non lle fixo nada, que non houbo agresión física, nin sequera unha auténtica ameaza, porén a denuncia non ten traxectoria e non hai nin a máis mínima posibilidade de que a muller sexa protexida,por mais que ela teña a mais absoluta e tráxica certeza de que a súa sentenza xa está escrita.
As agresións tampouco son a garantía de que se tomarán as medidas oportunas.
A falta de medios, en ocasións, unha valoración un tanto cuestionable do risco noutras, e mesmo para que enganarnos, a escasa ou inexistente empatía que as veces ten o persoal destinado a protexelas, poñen en demasiadas ocasións as vítimas aos pés dos cabalos, algo que explica, en gran parte, que, unha vez no Xulgado, opten por facer uso do seu dereito a non declarar, un dereito que ás veces vai da man da reanudación da relación co seu maltratador, porque, algo certamente tráxico, estas mulleres, sabéndose totalmente vulnerables, desprotexidas, e con un futuro por diante, xa non incerto, senón positivamente funesto, deciden regresar ao inferno, un inferno que xa coñecen, pero que se lles antoxa infinitamente mellor que a indefensión e a incerteza máis absolutas que se lles presenta como contrapartida.
É certo que moitas veces a dependencia psicolóxica do seu maltratador lles impide romper con esa letal relación, pero non o é menos que se a alternativa que se lles ofrece é vivir para sempre na corda frouxa , se lles está votando nos seus brazos.
O que hai que facer, o lóxico, é traballar con elas para facer desaparecer esa dependencia, e, desde logo, minimizar o risco que corren, deixalas a súa mercé, non é o xeito de acadar o éxito, e si a maneira máis efectiva de condenalas para sempre.
É totalmente irracional pedirlle a unha muller maltratada que se plantexe rachar coas cadeas que as atan ao terror cando se sinte cuestionada primeiro, e indefensa despois, mentras o seu verdugo transita libremente pola vida.
Así as cousas, falar de prevención, de que se está a levar a cabo, é, a día de hoxe, e tal vez soe duro, pero o digo de corazón, unha falacia, Non hai tal prevención. Non hai sequera a protección imprescindible ante o perigo máis evidente.
Por tanto, dicir que nos protexen, que están a salvagardar as nosas vidas, pode que sexa unha eficaz ferramenta de márketing para aqueles que están a facer ou xa fixeron, carreira da desgraza de tantas mulleres, das súas crianzas, pero o feito certo é que as mulleres que están a sufrir a violencia de xénero non teñen, nin de lonxe, nin as axudas, nin a protección imprescindibles para volver a unha vida sen medo e coa dignidade que merecen .
O mesmo da cantas cifras, cantas estatísticas manexen e fagan públicas.
A realidade é ben diferente, e, a día de hoxe, atopar a maneira de erradicar a violencia de xénero, de que as mulleres deixen de matarnos sinxelamente por eso, por ser mulleres, está aínda moi lonxe, e toda a literatura e despregue de estatísticas, de porcentaxes, coas que tentan facernos crer o contrario son, en tealidade, pese a quen pese, mentiras, e das mais graves que poden existir, porque son mentiras que se cobran vidas.
E que ninguén esqueza que mentirnos dun xeito tan impúdico, tentar facernos ver branco o que é negro, ten un nome: Maltrato.
Asociación Si, hai saída