Marta Rodríguez Engroba
Por vós, as silenciosas, as silenciadas
Nestas datas nas que máis que nunca se está a falar de feminismo, e nas que se sucederán as homenaxes a moitas mulleres que, dun ou outro xeito, ben pola súa traxectoria profesional, pola súa loita no activismo ou por outras accións mais ou menos notables, xa as farán ficar para sempre na historia ou na memoria de todos nós, desde Si, hai saída queremos dedicar a nosa lembranza e o noso recoñecemento a todas esas mulleres das que ninguén fala, as que case ninguén ten en conta, que semellan ser invisibles, e que, malia non saír nos xornais, non ter un sitio relevante na sociedade, nin codearse con xente importante, son verdadeiras heroinas, que fan que a súa supervivencia diaria e a dos seus sexa unha verdadeira fazaña.
Estou a referirme a vós, mulleres que cada mañá vos erguedes moi cedo, despois de moi poucas horas de sono e co esgotamento de interminables xornadas enriba, desafiando o frío, a choiva e o desalento, para acudir a eses traballos duros, precarios e mal pagados na procura deses poucos euros, que estiraredes como ninguén máis sabe facelo para que aos vosos fillos non lles falte o máis necesario, para ter cada día un prato quente que darlles, e para que o frío non conxele non soamente os seus corpos, senón tamén as súas esperanzas, as súas ilusións.
A vós, que cada noite, cando voltades rotas de cansanzo, sacades forzas de onde xa non existen para forzar un sorriso que lles faga soñar cun mañá mellor, contendo as bágoas, a dor, ata que o sono os reclama e lle dades por fin renda solta ao desánimo, pero por pouco tempo, o pouco que lle podedes roubar a esa arte, porque o que vós facedes e toda unha arte, para facer que esa roupa que xa clarexa de tanto uso semelle case nova pola mañá, para que eses zapatos desgastados non deixen pasar a auga aos pés dos que tanto queredes e que están a soñar cun futuro feliz, co futuro que eles merecen e que posiblemente vós xa nunca teredes.
Tamén queremos expresar a nosa sinceira admiración por todas vós, mulleres que estades a sufrir a violencia de xénero caladamente, sentíndovos mortas en vida e culpándovos inxustamente de ser as culpables de provocar a fera que cada día vos fai vivir no terror, temendo ou desexando xa, de pura desesperación, que remate con esa agonía, e poder, por fin, descansar.
E por vós, polas que estades tentando saír do inferno, deixar atrás os vosos verdugos e aprender, pouquiño a pouco, a respirar de novo, a camiñar pola rúa sen mirar as vosas costas, e a querervos outra vez, a recuperar esa autoestima e esa dignidade que vos arrebataron e a que tedes todo o dereito, máis que ninguén, porque loitades por ela cada día, desafiando o medo e tamén a incomprensión de quen vos dí que é mellor calar, aguantar e non alzar a voz, porque para eso sodes mulleres, e as mulleres debemos aguantalo todo, mesmo que nos maten.
E que dicir de vós, mulleres que tentando atopar un futuro que vos permita vivir dignamente sodes rexeitadas en todos e cada un dos postos de traballo aos que aspirades por ser demasiado maiores, por ser nais, ou por non cumplir eses cánones estéticos que se supón que toda muller que se prece debe exhibir, porque o cerebro, o espíritu de superación e unha máis que demostrada aptitude para o voso traballo non serven de nada se non se ten o aspecto dunha modelo de revista de moda.
Tampouco vos esquecemos a vós, mulleres maiores, avoas, que vos estades a ver na obriga de aparcar o voso mais que merecido descanso despois de toda unha vida de traballo, tal vez de sacrificios, para axudar cos vosos exiguos ingresos e coa vosa colaboración, co voso apoio, a tentar sobrevivir aos mais novos, aos que a vida, un sistema inxusto e mesmo cruel, lles impide acadar o mais imprescindible para vivir.
Tamén vós, mulleres do rural, dedicadas case sempre ao cuidado da casa, dos nenos, dos maiores e illadas de toda posibilidade de alcanzar outros horizontes, porque a vós tamén vos dixeron que iso é que vos toca por ser mulleres.
E non podía deixar de nomearvos a vós, as que un día decidistes dedicar as vosas vidas a axudar, de xeito desinteresado, a quen precisa alento, apoio, e unha man amiga que axude a erguerse cando todo se ven abaixo, cando a vida golpea.
Mulleres que son felices con ver un sorriso que volve asomar, co agarimo de quen atopou nelas a razón para seguir adiante.
Podería seguir, encher páxinas e máis páxinas, porque sodes moitas as mulleres que cada día loitades, que sodes verdadeiro exemplo de superación, de entrega, de tesón.
Mulleres que tal vez pasedes desapercibidas, as que ninguén mira cando vades pola rúa, que non destacades pola vosa beleza, nin tampouco ocupades postos de importancia, pero que sodes o verdadeiro soporte, sen o que nada funcionaría.
Mulleres silenciosas, que librades unha auténtica batalla cada día, unha batalla pola vida, e as que moi poucos recoñecen, e tantas veces, demasiadas silenciadas.
Por vós, para todas vós, desde Si, hai saída, a nosa homenaxe.
Asociación Si, hai saída