Marta Rodríguez Engroba
Por ti, Sonia. Por todas nós
Aínda non se sabe, no momento no que estou a escribir estas liñas, se o novo xiro do tristísimo caso da desaparecida Sonia Iglesias dará, por fin, resposta, que non cura, porque iso é imposible, a angustia e a dor de todos cantos a queren e para os que tamén, un mes de agosto de hai xa oito longos anos, a vida se rompeu, especialmente para o seu fillo, que xa verá a súa vida marcada para sempre por unha dor que non somos, por moito que pensemos o contrario, quen de imaxinar.
Desde que se coñeceu a desaparición de Sonia, seguín atentamente canta información se daba ao respecto. Todos e cada un dos casos acontecidos, 'presuntamente', por violencia de xénero, e entrecomillo o de "presuntamente" porque se hai un delito donde a presunción de inocencia se sostén ás veces ata límites intolerables, me impresionan fondamente, pero o de Sonia, no que se engade a dolorosísima e supoño que inconmensurable angustia e dor da incerteza, tocoume dun xeito especial.
Nunha destas ocasións nas que saíu á luz unha nova sobre o caso, quedei especialmente impactada. Fíxome reflexionar moitísimo, preocupoume, e ainda a día de hoxe sigo dándolle moitas voltas. Tal vez máis, xa que, por mor da miña actividade a violencia machista está presente non meu día a día.
Nesa ocasión que estou a referir, fíxose público que Sonia, pouco antes de desaparecer, acudiu a solicitar asesoramento a unha asociación dedicada a axuda de vítimas da violencia machista. Creo lembrar que a presidenta dese colectivo foi citada para declarar, despois do cal, e nunhas manifestacións que fixo aos medios de comunicación, afirmou que a rapaza acudira a elas, supostamente, tan só a solicitar información sobre os pasos a seguir para divorciarse, e que ela, desde o primeiro momento sospeitou que había algo máis e que Sonia tiña medo da súa parella, pero que elas, o seu colectivo, non estaban para indagar.
Ainda hoxe me custa conter a carraxe cando lembro estas verbas.
Como se pode ter a desfachatez de dicir que se está a traballar na axuda a vítimas de violencia de xénero, e ante tal sospeita deixala pasar?
De todos é sabido que é tremendamente difícil que unha muller maltratada confese a súa situación real, e que o faga é cuestión dunha considerable psicoloxía, empatía, moita paciencia e moito agarimo, ata que ela se sinta cómoda, confiada, e coa sensación de que está a ser entendida e apoiada e protexida.
Como tamén é de sentido común que unha muller que tan só busca acadar información exclusivamente sobre o proceso de divorcio non acude a unha asociación de mulleres maltratadas, xa que o que precisa é asesoramento legal, algo que non entra nas competencias deste tipo de colectivos, agás, loxicamente, que esa ruptura veña provocada precisamente pola violencia exercida sobre a muller.
Aínda a día de hoxe me sigo, por unha banda, preguntando se esa señora, a presidenta do colectivo en cuestión, será quen de durmir tranquila polas noites, vendo a tráxica deriva que tomou a historia de Sonia, e, pola outra, reflexionando e confirmando despois a cantidade de desaprensivos que se suben ao carro da violencia de xénero, montando 'chiringuitos' con fins algo máis que dubidosos.
Supoño que haberá quen estará a preguntarse que habían facer se ela non contou toda a verdade, e aquí ven a segunda parte, que non fai senón amosar a tremenda desprotección ás que as mulleres maltratadas están expostas. Imos por partes.
Se esta señora tiña a sospeita, supoño que baseada no que Sonia lle contou, e nunha serie de indicios, o que debería ter feito, xa que tanto falamos de prevención, ademais de, como mínimo, molestarse en contactar de novo con Sonia para interesarse pola súa situación, sempre e cando, ben entendido, tivera os seus datos de contacto e non o fixera, era poñelo en coñecemento da Policía e tentar que se iniciara, polo menos, unha investigación.
Agora ben, outra cousa sería a resposta obtida, que dependería, básicamente, primeiro, de que a denuncia fora recollida, e segundo, se ísto fora así, de como fora plantexada e da credibilidade que lle dera o encargado de facelo, porque, ollo!, aquí, que cando nos convén seguimos fielmente o manual, sobre todo se facelo implica que o posterior esforzo a realizar vai ser cero, os indicios, e menos aínda as sospeitas, raramente, por non dicir nunca, son tidos en conta.
Falar de prevención, saír nas canles de televisión falando dela, de protección, e tentar dar a sensación que case podemos cualificar de fantástica, polo irreal que é a maioría das veces, é algo que se lles dá de luxo a moitos daqueles que teñen a responsabilidade de proporcionarlles ás vítimas esa protección da que tanto falan e que case nunca se aplica, porque a triste, a durísima realidade, é que, agás excepcións, que haber, hainas, se a muller non chega á comisaría con claras evidencias de maltrato, ou polo menos con probas dunhas ameazas explícitas, é inútil que exprese o seu medo, que solicite que a protexan, porque vai saír dalí totalmente indefensa e exposta ao seu maltratador.
Todas nós somos Sonia. A calquera de nós pode acontecernos mañá o mesmo que a ela. Poden ser os nosos fillos, os nosos pais, os que choren por nós e vexan a súa vida tamén desfeita. Ata cando imos permitir que isto continúe?
E que aínda non nos decatamos de que nos están enganando, de que estamos indefensas, desprotexidas?
Isto ten que mudar, pero desde a raíz. Mentindo, facendo alarde dun sistema que fai calquera cousa agás mirar polas vítimas de violencia de xénero, pola súas vidas. Aqueles que o integran están ocupados en promocionarse, en vender fume e en encher os seus petos, e a quen non entra nesa dinámica, mellor botalo fóra, porque estorba.
E esta barbarie non pode seguir. Por ti Sonia, por todas nós.
Asociación Si, hai saída