Antón Roel Villanueva
Esquecémonos do río
Esquecémonos que debaixo de tanto formigón vai un río cheo de vida sen luz que, aínda que o quixemos ocultar, permanece no fardel da memoria da xente que o coñeceu e aínda o senten fluír baixo unha lousa de asfalto.
Un tramo de río que segue latexando nos corazóns dos veciños que non entenden que non se faga nada para recuperalo.
Seiscentos metros de río afastado, encanado e condenado a non sentir as raiolas do sol que amornecen ao escentilar das estrelas. Sen entender que lle fixo ese tramo do Gafos para estar condenado á escuridade ao seu paso pola cidade e sente abandonado polos veciños aos que tanto benestar riqueza e goce no tempo de lecer deu. Agora afastado e só, como un vello.
Pobre tramo do río esquecido, como os leprosos dos que toma o nome do que todos se afastan. Nunca tivo unha manifestación, nin folga, nin xornadas de limpeza. Ningún escritor ou poeta escribiu unha liña ou fixo un poema para liberalo. Ninguén quere pintar nin escribir dun anaco de río sen luz, sen árbores que dan sombra e que se reflicten nas augas.
Sen poder sentir o recendo a mentrasto e fiuncho nin mirar na primavera como florecen os narcisos, lirios e mapoulas de cores nas beiras. Sen que poidan os paxaros facer os niños nas polas das árbores que agroman no río. Nin os veciños escoitar o canto do cuco anunciando a chegada da primavera. Onde as xoaniñas quedaron sen sorte e os peixes nacen sen ollos e vagalumes sen luz e cabaliños do demo sen ás.
Non hai vida nese sumidoiro e cadaleito de vergoña que todos nós consentimos.
Que dereito temos a ter tapado un tramo do río que estaba moitísimos anos antes que nós descuberto.
Un río é un agasallo da natureza que nos obriga a deixalo como nolo deixaron os nosos antergos que non temos ningún dereito de privar ás xeracións próximas do privilexio de ter un río á beira da cidade, de sentir o murmurio das augas pasar de vagariño na procura da luz da ría.
Esquecémonos da riqueza que xerou noutro tempo. Agora que xa non ten muíños nin lavadoiros deixámolo abandonado.
Nestes tempos de seca e escaseza de auga non se entende o ter un tramo de río cuberto. Calquera cidade daría o que fose por ter un río ao seu lado e teríao como un espazo de beleza e coidado para mostrarllo aos forasteiros e os veciños gozalo orgullosos del.
Mentres aquí desprezámolo coma se tivésemoslle teima.
aior conciencia ecolóxica e de futuro mostrou o militar Xosé Bermúdez de Castro cando no 1933 pedía integrar o tramo do río agora cuberto na paisaxe urbana.
Como di o escritor Carlos Solla, era un proxecto demasiado fermoso para facerse realidade.
Cubrir un río é un insulto á natureza que ninguén debería consentir.
Co río enterraron tamén a memoria dunha xeración. Un río sen luz é unha cloaca.