Tribuna Viva
A fenda laboral e doméstica
A fenda salarial entre homes e mulleres, segundo a define Eurostat, é a diferenza entre os ingresos brutos medios por hora dos traballadores e as traballadoras asalariados, expresada en porcentaxe dos ingresos brutos medios por hora dos traballadores asalariados. En 2015 ascendeu ao 16,3% de media na EU-28. Tristemente, faise innecesario precisar o sentido da diferenza: é dabondo coñecido que o salario das mulleres é, en termos medios, inferior ao dos homes. Ata aquí os feitos obxectivos. Este artigo non pretende realizar un estudo rigoroso do problema, tan só plasmar as reflexións dunha muller traballadora sobre as causas e posibles solucións a esta situación.
O problema da fenda salarial pode interpretarse de dous xeitos distintos. O primeiro sería a existencia de diferenzas salariais debidas ao xénero en condicións de traballo idénticas. Dito noutras palabras, viría ser aquela vella reivindicación feminista de «a igual traballo, igual salario». Sen chegar a poder afirmar que sexa un problema superado, si se pode asegurar que, polo menos desde o punto de vista formal, a non discriminación por razón de sexo vén recollida na lexislación dos países de adscrición democrática. A outra posibilidade á hora de interpretar a fenda salarial atribúe esta ás discrepancias nas condicións de traballo entre homes e mulleres. Estas atópanse no posto de traballo, o horario, o tipo de contrato, a duración da vida laboral, etc. Sen pretender realizar unha análise exhaustiva, pódense apuntar dúas causas a estas diferenzas: a lei da oferta e a demanda, e a relación entre o traballo remunerado e o traballo non retribuído economicamente.
As mulleres asalariadas, consideradas como factor traballo, vense sometidas ás leis do mercado capitalista, polo que o seu salario (prezo) depende da oferta e da demanda. Á situación xeneralizada de falta de demanda que sofre o factor traballo, as mulleres han de engadir unha serie de dificultades adicionais. Os postos de decisión empresarial atópanse maioritariamente nas mans de homes. Isto fai que os centros de dirección das empresas sexan contornas fortemente masculinizadas, obrigando ás mulleres a desenvolver comportamentos acordes a ese ambiente se queren optar a determinados empregos. Ademais, implica que a maioría dos empregadores son homes, e son estes os que han de elixir o candidato ou candidata para un posto concreto. É claro que, nestas circunstancias, a posible empatía derivada da identidade de xénero xoga en contra das mulleres. Pero, posiblemente, a dificultade principal proveña da segunda causa apuntada, a fenda de xénero existente na dedicación a traballos non remunerados. É obvio que, aínda na sociedade actual, a muller encárgase de forma maioritaria das tarefas de coidados e de mantemento na contorna doméstica. Consecuentemente, o punto de equilibrio feminino entre a actividade pública e privada é distinto ao masculino. Igualando ambos os puntos de equilibrio, desaparecerían moitos dos prexuízos que hoxe en día operan en contra da empregabilidade das mulleres.
Trátase, pois, de conseguir a equiparación nos tempos e na calidade da dedicación ao traballo non asalariado. Evidentemente, para corrixir esta situación de desigualdade é necesario actuar sobre múltiples variables, entre as cales se atopa o horario. A racionalización horaria entendida como a harmonización dos horarios laborais, escolares, comerciais, televisivos, etc. entre si e, á súa vez, facéndoos compatibles co satisfactorio desenvolvemento da vida persoal, contribuiría dunha forma decisiva ao achegamento dos puntos de equilibrio anteriormente descritos. Se ambos os xéneros dispuxesen do mesmo tempo para dedicalo a labores non remunerados, non habería que decidir quen renuncia a parte da actividade profesional para facerse cargo destas tarefas. En conclusión, un primeiro paso para reducir a preocupante fenda salarial sería a adaptación dos horarios de actividade pública a fin de facelos compatibles coa vida persoal e as súas obrigas. E para logralo, tan só é necesaria a vontade política que, ata o momento, brillou pola súa ausencia.
M.
Militante de Podemos Galicia