Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'O rei Túnix'
O rei Túnix é unha obra de literatura infantil da autora alemá Mira Lobe. Foi publicado en 1962, e téñolle moito cariño.
A trama é ben sinxela. Túnix é un rei moi vago, que vive nun castelo coa súa filla, a princesa Pimpernela. O rei ten 333 persoas ao seu servizo, e as súas maiores preocupacións son comer e durmir. As súas únicas tarefas diarias son gobernar durante media horiña e subir á torre do castelo a darlle un bico de boas noites á princesa.
Un día o rei comeza a atoparse doente, mais non son capaces de curalo nin o médico real nin o resto de doutores das vilas do redor. A princesa Pimpernela sae ao bosque á procura de axuda, e coñece a Gaudeo, un rapaz que vive co seu avó, un pastor de ovellas. Gaudeo disfrázase de doutor e inventa o nome dunha enfermidade terriblemente contaxiosa e sen cura, o que fai que os serventes do castelo fuxan. Gaudeo fai que o rei vaia ao bosque dicíndolle que na terra de onde el vén hai un tesouro escondido. Entre Pimpernela, Gaudeo e o pastor convencen ao rei para que mude o seu estilo de vida, forzándoo a facer exercicio físico e a ter forza de vontade propia.
De regreso ao castelo, o rei ve que o pobo está descontento pola súa desaparición. Túnix está irrecoñecible, pois adelgazou moitísimo. Organiza un torneo entre os príncipes e nobres do país para lograr un novo rei. No concurso deben facer probas como cravar cravos, muxir vacas e coser túnicas. Amais, logo das probas hai unha pregunta: En quen debe pensar un rei? En si mesmo ou nos demais? Como o resto de nobres non logran facer as tarefas e pensan que eles son máis importantes que os demais, o rei Túnix considera que debe recuperar o trono el mesmo. Iníciase así unha nova etapa, na que reina pensando nos demais e facendo as cousas por si mesmo, baixo o nome de Túfix I.
A obra, publicada orixinalmente en lingua alemá, foi traducida ao galego por Rosa María López e Xosé Luís Regueira, que por entón traballaba na Universidade de Colonia. A edición en galego é de 1987, con ilustracións da catalá Roser Ríus. Apareceu na colección O barco de vapor de SM, grazas á cal coñecín nesa época outros personaxes como Fray Perico (y su borrico), o Pirata Garrapata ou Ramón Lamote. A década de 1980 e a literatura infantil-xuvenil, un tema que daría para outro post.
Cando lin o libro por vez primeira debía ter quizais oito anos, en 3º de Primaria, e claro, non podía facer unha close reading ao descoñecer todas as implicacións da obra e a trama. Pero si que recordo que me marcou por un factor: dúas notas a pé de páxina, na primeira e última frases, indicando que Túnix en alemán significa preguizoso, mentres que Túfix significa traballador, aplicado.
Para min isto foi un punto de inflexión lingüístico a dous niveis. Por unha banda comprendín a importancia da tradución e fun consciente da existencia doutros idiomas, pero ademais foi posiblemente o primeiro momento en que me decatei da diferenza entre significado e significante. As palabras gardan segredos que hai que saber ler. Son pícaras, escóndennos significados ocultos, e hai que darlle sempre dúas voltas para comprender que un texto non ten un só significado, senón moitos. O que lle deu a persoa que o escribiu, e o que lle dá en cada momento a persoa que a le. As literaturas e as linguas son máxicas. Grazas, Mira Lobe, por mo descubrir.
Mira Lobe; vaia unha vida peculiar a súa. Naceu en Silesia en 1913, nunha familia xudea. Quería estudar Historia da Arte ou Lingua e literatura alemás, mais non puido por mor do antisemitismo en voga nesa época. En 1936 emigrou ao Mandato británico de Palestina, onde publicou en 1948 o seu primeiro libro, Insu Pu, que conta a historia de once rapaces que emigran a Terrania na procura de paz, e acaban nunha illa deserta.
En 1951 mudouse a Viena, e en 1952 comezou a súa colaboración con Susi Weigel, quen ilustrou bastantes dos seus libros. En Viena publicou libros nunha editorial inicialmente comunista e despois socialista. En 1957 foi vivir a Berlín Oriental. En 1958 chegoulle o seu primeiro gran recoñecemento, o Premio Nacional Austríaco de Literatura Infantil por Titi im Urwald.